A Federación de Piragüismo de España volve marxinar Galiza

Decide non instalar ningún grupo de adestramento en augas galegas
O canoista galego David Barreiro, nunha competición internacional. (Foto: FG Piragüismo).
photo_camera O canoista galego David Barreiro, nunha competición internacional. (Foto: FG Piragüismo).

A Federación Española de Piragüismo fixo pública esta semana a lista de convocados e convocadas para os distintos centros de adestramento dos que dispón en todo o territorio estatal, e do mesmo modo que en anos anteriores, os padexeiros e padexeiras galegas copan un gran número das prazas dispoñíbeis nos distintos grupos de preparación. 

Non obstante, tal e como revela a Federación Galega de Piragüismo, varios dos e das deportistas internacionais cos que conta Galiza non aparecen na devandita listaxe, debido a que elixiron quedar aquí para seguir cos seus adestramentos. 

"Este feito -critica a federación galega- só se entende porque a Federación Española, presidida por Juanjo Román,  natural de Zamora, non mostra ningún interese por ter en territorio galego ningún dos seus grupos de adestramento. Por poñer un exemplo, o canoísta de Cangas David Barreiro, actual vencedor do selectivo nacional en C1, non aparece entre os seleccionados".

Despois deste ano 2020 no que non se puido competir nin realizar os adestramentos nas mellores condicións, a tempada 2021 preséntase con incerteza para todos e todas as deportistas, o que explica que aspirantes a unha praza olímpica, como é o caso de Cristian Toro, Rodrigo Germade ou Carlos Arévalo no K4 500 metros, vaian realizar a súa preparación en Madrid e Asturias.

Pola súa banda, o centro de Alto Rendemento de Sevilla acollerá a un gran número de deportistas galegos das tres modalidades competitivas. Así, Adrián Sieiro, Sergio Vallejo e Manuel Fontán estarán ás ordes do seleccionador de canoa, Marcel Glavan. Tamén adestrarán en terras andaluzas Antía Jácome, María de La Peña, Antía Otero e María Pérez. Iván Fernández e Xoel García prepararanse baixo a tutela de Jesús Buzón, responsábel do Kaiak Sub 23 masculino. Pola súa banda, o estremeño Fausto Moreno será o encargado de aumentar o rendemento de Carolina García, Camila  Morison, Lara Feijoo, Sara Ouzande e Irene Lata.

Un dos maiores éxitos desta convocatoria para o piragüismo galego é a da modalidade de Slalom Olímpico. Até sete deportistas están seleccionados para formar parte dos equipos  senior, sub 23 e xuvenil. Novas promesas como Ainhoa Lameiro, Manuel Ochoa ou Daniel Pérez prepararanse no Centro de Tecnificación do Parc do  Segre (Lleida), mentres que no Centro de Alto Rendemento de León estarán concentrados Cándido Acuña, Brais Caride, Luís Fernández e Alba Soutelo.

Castrelo de Miño acolle a Copa Deputación

Hoxe a partir das 11 horas da mañá, o encoro de Castrelo de Miño acollerá a primeira regata da Copa Deputación 2020. Nesta primeira cita da tempada está previsto que acudan 159 deportistas pertencentes a todas as categorías, desde crianzas até os e as máis veteranos, con distancias que abranguen 1.000 metros para benxamíns e alevíns, 2.000 metros para infantís e 4.000 metros para o resto de participantes.

Todos os equipos convocaron o máximo número de padexeiros e padexeiras posíbeis para facerse co trofeo. Así, o clube local, Fluvial Avión-Castrelo de Miño, participa con 49 deportistas; o Fluvial Allariz, pola súa banda, despraza 47; a Escola Municipal Ourensá terá a 27 participantes; Fluvial O Barco 26; e Piragüismo Fontefría, 9.

Comentarios