A vitoria do Levante en Bilbo sela virtualmente o descenso da equipa coruñesa

As peñas do Dépor esclarecen que non apoiarán ningún candidato  

A Federación de Peñas do Deportivo quer as eleccións ao remate da temporada, e non á finalización do mandato do actual presidente, como si as ten axendadas Tino Fernández. O Deportivo está virtualmente descendido após a vitoria do Levante en Bilbo (1-3).

FullSizeRender
photo_camera Imaxe de xunta directiva da Federación de Peñas tomada na última asemblea ordinaria da entidade, en setembro de 2017.

"Estamos por que o proceso eleitoral se faga cando conclúa a temporada, iso foi o que acordamos na asemblea que realizamos o domingo. Mais tamén decidimos que non apoiaremos ningunha das candidaturas que se apresenten", dixo a Sermos Noelia Díaz, a secretaria da Federación de Peñas do Deportivo.

O colectivo de seareiras deportivistas realizou unha asemblea extraordinaria este domingo, no centro cívico de Os Mallos. Reuníronse por volta de 30 peñas branquiazuis, das 160 que se achan federadas. Acordaron apoiar o avanzo do proceso eleitoral, isto é, que se realice cando remate a temporada e non cando está axendado, á finalización do actual mandato de Tino Fernández, en xaneiro de 2019. O primeiro executivo do clube coruñés desbotou a pasada sexta feira calquera adianto na convocatoria da xunta xeral de accionistas, o marco en que se podería proceder a un relevo da actual equipa directiva do clube.

Para existir un avanzo eleitoral é preciso que alguén reúna previamente 5 por cento do capital social do clube. Nesas anda Miguel Otero, ex presidente da Federación de Peñas e ex conselleiro do Lugo. O seu vínculo coas agrupacións de seareiras podería levar a pensar que este colectivo apoia a súa candidatura. Noelia Díaz négao e reafirma que como colectivo se manterán neutrais.

Foi Augusto César Lendoiro -ex presidente, derrotado por Fernández na xunta xeral de accionistas de xaneiro de 2014- a primeira voz que no seo do deportivismo, xa o pasado 7 de febreiro, se ergueu a prol de convocar eleccións xusto ao remate da temporada. Lendoiro está neste momento convalecente dunha grave enfermidade da que se está a recuperar satisfactoriamente, mais a súa figura continúa a inspirar os movimentos de oposición á actual directiva.

O proceso podería verse acelerado no momento en que se consumar o descenso do clube á Segunda División, un feito que certificaría o fracaso da xestión deportiva de Tino Fernández [o presidente do clube chegou a afirmar nos primeiros compases da liga que o plantel tiña capacidade para ficar entre os 10 primeiros clasificados do campionato]. Após a vitoria do Levante esta segunda feira en Bilbo, as hipóteses do Dépor de manter a categoría son practicamente nulas. O Dépor está agora a 9 pontos da equipa granota. É unha situación desesperada, porque tamén ten o gol average en contra. Iso significa que con 12 pontos por se disputar, o Deportivo só continuaría en Primeira División se conseguise sumar 10 pontos máis que o Levante neste sprint final. Unha empresa matematicamente posíbel, mais futbolisticamente case impensábel.

Comentarios