Feche nas dependencias da dirección de PSA Citroën contra a sobrecarga de traballo

Delegados de CIG, UXT e CCOO iniciaron o fechamento esta segunda feira en protesto polo alto ritmo que se impón aos operarios e operarias na liña de montaxe, nomeadamente no sistema 2.

fotonoticia_20190507132621_1920
photo_camera Imaxe: CCOO

O aumento dos ritmos e cargas de traballo están a levar os operarios da automoción até o extremo, someténdoos a unha sobrecarga física e mental. Os sindicatos levan tempo alertando desta situación, nomeadamente na factoría PSA Citroën de Vigo. Nestes meses houbo diferentes accións, desde greves a manifestacións, para denunciar esa realidade. Esta segunda feira, comezou unha nova, co fechamento de delegados de CIG, UGT e CCOO na coñecida como 'Casa Branca', o terceiro andar do edificio de PSA Peugeot Citroën, onde se ubican as instalacións da dirección da empresa.

Os sindicalistas lembran que a empresa sabe cal é o ritmo na liña de montaxe e os efectos que iso ten sobre o persoal. “Non poden obviar a súa responsabilidade polo que está a acontecer, e moito menos exixir máis productividade aos traballadores, externalizar máis operacións, ou reducir máis postos”, indican estes representantes. Anuncian que manterán o feche até que a empresa “reconsidere” a súa postura. Vai haber concentracións de apoio ao encerro nas diferentes quendas de traballo nesta factoría.


Cara B

Galiza representa 15% dos automóbiles producidos no Estado español, competindo con Catalunya polo primeiro posto en territorios líderes na automoción. O sector no noso país achega unha facturación anual de máis de 8.300 millóns de euros –14% do PIB–, 19 mil postos de traballo directos – 12% do emprego industrial– e máis de 8 mil na industria auxiliar, ou o 30% das exportacións galegas. Macrodados que reflicten un sector que é un alicerce na economía galega. Mais a automoción ten unha cara B. “A automoción galega factura máis de 8 mil millóns de euros, si, mais mentres tanto agrava o empeoramento das condicións de traballo até niveis máis que preocupantes”, indicaba Xoán Xosé Bouzas, da CIG-Industria, hai uns meses en conversa con Sermos Galiza.

O aumento dos ritmos e cargas de traballo e a sobrecarga física e mental á que están sometidas as traballadoras e traballadores do sector representan o eixo sobre o que pivota a produtividade da automoción. “Os ritmos de traballo son cada vez máis duros, fortes e intensos, son insorportábeis”, describía hai uns meses Paco Sío, daquela delegado da CIG en GKN, unha auxiliar con 980 operarias e operarios. Tamén en conversa con Sermos Galiza, Vítor Mariño, da CUT en Citröen, lembraba que “hai moito tempo” que a carga de traballo supera o nivel do soportábel. As cifras están aí, como teñen denunciado a CIG e a CUT. De por volta de 5.500 operarias e operarios que hai na factoría de Balaídos, uns 400 están de baixa, a metade deles desde o pasado mes de abril.

Comentarios