Míriam Ferradáns, escritora

“As familias, para min, son abafantes e extorsionadoras”

Míriam Ferradáns (Bon-Beluso, Bueu, 1982) é xa unha das voces imprescindíbeis da poesía galega. Ten publicados dous libros, Deshabitar unha casa e Nomes de fume, que lle valeron, respectivamente, os premios Francisco Añón e Pérez Pallaré. Graduada social pola Universidade de Vigo, colabora coa columna mensual “Palabras de fume” neste semanario desde xaneiro de 2018. Conversamos con ela cando a escritora Dolors Miquel vén de traducir Nomes de fume, unha obra inclemente e honesta sobre a familia, a comunidade e o loito, ao catalán. A principios de ano verá a luz en castelán, coa tradución de Gonzalo Hermo.
f_7_FS_Entrevista
photo_camera [Imaxe: Cedida] Míriam Ferradáns

m_7_FS_EntrevistaComo xorde a tradución de Nomes de fume ao catalán?

Coincidín con Dolors Miquel no Ponte Poética do ano pasado, pero foi un encontro moi fugaz. Eu lera El guant de plàstic rosa e gostaba moito dela. Cando hai alguén que chama moito a túa atención, sempre te retraes máis. Houbo un saúdo de cortesía e pouco máis. Pasou o Ponte Poética e un día chegoume unha mensaxe de Dolors a Facebook. Dicíame que quería falar comigo porque me escoitara e quedara coa curiosidade... Levou o meu libro do Ponte Poética e gostara del. Preguntaba que me parecía se se puña a traducilo. Que me ía parecer? Máis adiante comunicoume que tiña o libro practicamente traducido e que me conseguira unha editorial. Que opinas?, preguntárame. Como que que opino? Pareceume xenial. Quedei moi contenta porque me atraen as situacións casuais. Non quito mérito ás que non o son, pero… gosto máis cando algo é casual e cae sen buscalo. Fíxome moita ilusión.

Por que o fume?

O fume esváese, e non queda nada, mais o fume vén de algún lugar, de algo que se queima. A min parecíame que a imaxe tiña que ser esa. O fume é algo que está entre o que foi e o que non vai ser, é algo que queda aí, no medio. E esa parte era a que me gustaba a min. Ese nome que só aparece unha vez no libro era un nome de fume, algo que xa non nomeaba unha persoa física, pero había a necesidade de que non desaparecese.

E de aí “Cada noite pronuncio o teu nome de fume / para que esteas presente”.

Aínda que non nomeemos alguén pode ser que exista, mais ese non nomeamento sostido no tempo leva necesariamente á extinción ou á desaparición. Se hai un nome que desaparece e ninguén fala desa persoa, esa persoa non existe. En moitos casos xa non está e noutros convértese nun tabú. O que non se nomea non existe e en Nomes de fume unha resistencia a negarse á desaparición.

No prólogo de Noms de fum, Dolors Miquel afirma que o libro é máis que o acto de amor dunha muller que deu vida, aleitou e quereu a súa filla. Que foi para vostede?

Foi un acto de verdade, sobre todo comigo, porque non o concibín necesariamente para ser publicado. Para min foi un acto de sinceridade extrema... doeume moito escribilo. Non sei se a palabra é dor, porque é unha mestura, pero eu non o pasei ben escribíndoo. Para min foi un exercicio difícil, pero moi honesto. Estou contenta.

Nun momento en que estamos asistindo ao desmantelamento do rural, en que esa referencia desaparece para unha parte importante da sociedade, voces potentes e cargadas de modernidade na poesía, como o caso de Olga Novo e do seu, apostan en reivindicar o rural. Por que?

O rural, como o coñecemos, xa non existe, e non vai volver existir. É unha época que xa pasou. É absurdo pensar que volvería ser iso, mais o rural que existe merece existir e eu quero vivir nel. Quero vivir nun rural actualizado, moderno, coas comodidades propias do século en que estamos. Para min non sería concibíbel que non existise o saneamento na miña aldea, ou o alumeado público. Eu entendo a necesidade de reivindicar o dereito que temos as persoas a vivir no rural, porque eu quero vivir no rural. Entendo ademais que non quero vivir dun xeito baleiro nel. Quero ser e son moi consciente do pasado que está aquí e do valor que teñen as persoas dunha aldea.

Eu non sei como é vivir nunha cidade, mais podo imaxinalo. Nunha aldea as persoas, os individuos, como tal, teñen un valor e xogamos todos un papel no grupo. Eu vexo as aldeas como organismos vivos e non son capaz de velas doutro xeito. Ás veces véxonos como estas bandas de estorniños que fan debuxos no ceo. Véxoo así. Formamos un debuxo común e temos moi claro cal é o noso papel dentro da aldea. Nós témolo moi definido e vén dado pola nosa familia, polo noso pasado. Eu sei que son aquí para o resto da xente e sei que se espera de min. Despois iso vaise moldeando. Eu son neta dun señor moi querido en Bon, moi traballador e moi respectado e a xente espera de min que sexa unha persoa moi traballadora, moi honesta… porque vén de familia. Non esperan outra cousa. Eu reivindico ese rural. Un rural moderno, activo e, necesariamente, chantado na raíz, porque se non, seriamos unha urbanización.

“É difícil pertencer á tribo, / pertencer sen ser devorado”. Que papel desenvolve en Nomes de fume o colectivo?

O colectivo é necesario, como é necesario ese sentimento de pertenza. Sénteste ben cando estás rodeada de xente coa que compartes unhas ideas comúns e sénteste protexida. Estás cos teus, aínda que ás veces non os coñezas e non coñezas nin os seus nomes. Tes ese sentimento de pertenza a un grupo do que non coñeces as partes. A aldea é algo así, o grupo protéxete. Porén, ás veces o grupo tamén te fai sentir frustrada. O grupo limita moito o teu radio de acción. Eu sei que espera de min a xente e antes de facer algo que a poida decepcionar, pénsoo moito. A tribo tamén limita e estrangula bastante. Eu aí referíame á familia, que si que a vexo máis estranguladora.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 357 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios