Após confirmarse a identidade do cadáver

A familia de Santiago Maldonado esixe xustiza

A familia de Santiago Maldonado, cuxo corpo se atopou a pasada terza feira no Río Chubut –información que foi confirmada na sexta feira– esixe xustiza polo crime cometido contra o activista social, comprometido coas causas das persoas máis desfavorecidas.

DMwH3iTWAAA0D2t
photo_camera Un cartaz de Maldonado nun colexio electoral

Nas redes sociais, e tras coñecerse na sexta feira que o corpo atopado no Río Chubut era o de Santiago Maldonado, o seu irmán Sergio expresou a modo de despedida o “desexo de que foses testemuña de todo o que ocorreu nestes 80 días, que toda a xente que se mobilizou e sensibilizou por ti”.

Após se confirmar que o corpo atopado na terza feira é o de Maldonado, o pobo arxentino mobilizouse o pasado sábado para pedir xustiza pola súa desaparición forzada. Tamén foi o sábado cando a familia Maldonado confirmou que o presidente da Arxentina, Mauricio Macri, conversou coa nai do activista vía teléfonica.

“Máis alá do inoportuno momento elixido para a primeira chamada, após un silencio de case 80 días, é importante que o presidente asuma que o noso único obxectivo é lograr xustiza por Santiago”, expresou a familia nun comunicado. No texto, esíxelle á ministra de Seguridade, Patricia Bullrich, explicacións detalladas sobre o operativo da Xendarmaría do 1 de agosto, cando seu viu con vida por última vez. Santiago Maldonado desapareceu logo de ser reprimida unha manifestación en defensa da comunidade mapuche.

A familia ratificou a solicitude da intervención do Grupo Internacional de Expertos Independentes para obter transparencia na investigación

A familia ratificou a solicitude da intervención do Grupo Internacional de Expertos Independentes para obter transparencia na investigación, tras coñecerse publicamente os primeiros resultados da autopsia de Santiago Maldonado, que non reportaron lesións, segundo as fontes gobernamentais, e que son cuestionadas polas persoas achegadas ao activista, que tiña 28 anos.

Macri por fin rompe o silencio

Coincidindo coas eleccións lexislativas coas que este domingo o pobo arxentino elixe os 127 parlamentares e 24 senadores para os próximos seis anos, Mauricio Macri rompeu o silencio a respeito de Maldonado. Levaba case 80 días sen pronunciarse ao respeito da desaparición forzada do activista malia os reiterados e masivos protestos que tiveron lugar os últimos meses en todo o país.

Falou para pedir prudencia, “aos arxentinos pídolles prudencia; deixemos traballar a xustiza, empezou a xerarse luz e verdade sobre o que pasou e nas próximas semanas teremos toda a verdade”.

Comentarios