A falta dun marco laboral axeitado condicionará as fusións bancarias

CIG advirte das consecuencias laborais e sociais dos procesos de concentración bancaria en marcha
Protestas da CIG diante de sucursais bancarias (Foto: Arxina)
photo_camera Protestas da CIG diante de sucursais bancarias (Foto: Arxina)

Galiza será un dos escenarios nos que se libre un novo capítulo da concentración bancaria. Após a anunciada fusión de Bankia e Caixabank, que en principio non terá un impacto salientábel no país, chega a de BBVA e Sabadell, á que se une un novo axuste de persoal do Santander no Estado español.

Segundo sinalan desde a CIG, que hoxe deu unha rolda de prensa para abordar os efectos destes movementos no sector, cando hai un proceso de reconversión en determinado sector adóitase pactar un marco normativo específico para protexer o persoal. Porén, no caso dos bancos "isto non é así". 

Nesta liña, a secretaria nacional de CIG-Banca, Sefi Romero, apunta que as reformas laborais non foron derrogadas, polo que o marco de negociación vai ser "claramente desfavorábel para os cadros de persoal".

En canto ás saídas, apunta que a anterior reforma das pensións pactada polo Goberno do PP, a patronal, CCOO e UXT atrasou a idade de xubilación anticipada en caso de ERE. "Esa medida endurece a posíbel saída branda para o excedente de persoal derivado do proceso de concentración".

Tamén menciona a discriminación fiscal a respecto das indemnizacións por despedimento, "porque cando hai ERE masivos adóitase dicir que se vai empregar a voluntariedade e iso non é así", asegurou Romero, "o que acaba habendo son despedimentos disfrazados de saídas voluntarias". 

E iso para as que marchan. Para quen queda a situación, di o sindicato, non é moito mellor. Sobrecarga de traballo, recorte de salarios e das condicións laborais son algunhas das consecuencias dos anteriores procesos de concentración, xunto con contratos a tempo parcial ou abusos da mobilidade xeográfica, todos eles "favorecidos pola non derrogación das reformas laborais".

Impacto social

As consecuencias sociais tamén son salientábeis. Romero cita entre outras a marxinación da clientela menos rendíbel, o aumento dos territorios que quedan á marxe do servizo financeiro, a transformación das persoas aforradoras en investidoras pola colocación de produtos que cada vez máis complexos e de maior risco, ou a exclusión da pequena e mediana empresa ao financiamento para o seu desenvolvemento.

Comentarios