A falta de consenso no municipalismo da Galiza frea a proposta de uso do superávit

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acordou esta semana no seu Consello Federal traballar nun documento no que se rexeita a proposta do Ministerio de Facenda do uso do superávit das arcas locais. A falta de acordo de todas as partes debaterase nunha comisión extraordinaria con data aínda por fixar. 
O presidente da Fegamp, Alberto Varela, Alberto Núñez Feixoo e o expresidente da Fegamp, Alfredo García (Europa Press)
photo_camera O presidente da Fegamp, Alberto Varela, Alberto Núñez Feixoo e o expresidente da Fegamp, Alfredo García (Europa Press)

A proposta do Ministerio de Facenda para que as Administracións locais acheguen o seu superávit ás arcas públicas espertou o rexeitamento do municipalismo galego. As negociacións entre a Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) co departamento dirixido pola socialista María Jesús Montero seguen abertas, mais desde a Federación Galega de Municipios e Provincias  (Fegamp) traballan nun documento no que defenden o uso flexíbel do superávit municipal e mais do remanente das tesourarías.

Así o decidiu o ente municipalista galego no seu Consello Federal do pasado 21 de xullo. Porén, as discrepancias, fundamentalmente entre os e as representantes locais do PP e os do PSdeG, frustraron un acordo de consenso. O representante do PPdeG rexeitaron o borrador inicial, reclamando unha alusión expresa a que a proposta de Facenda debe ser retirada, polo que a postura do ente será debatida nunha Comisión Executiva extraordinaria aína sen data.

A oferta de Facenda pasa por que os Concellos poidan emprestar os seus aforros ao Estado. A Administración central devolvería unha parte, 5.000 millóns de euros, en dous ingresos en 2020 e 2021, para seren destinados a cuestións relativas a axenda urbana, coidados e cultura. O monto restante será ingresado nos vindeiros dez anos. O presidente da Femp e alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, engadiu en rolda de prensa que se contempla que os municipios poidan "gastar superávit de 2018 en 2020".

Nas negociacións, segundo puido coñecer Europa Press, o presidente da Fegamp, o socialista Alberto Varela, tería defendido o borrador no que se "reiteraba" a demanda de flexibilización do uso do remanente e do superávit das entidades locais. Unha reclamación que xa ratificara o municipalismo galego.

O Bloque Nacionalista Galego xa avanzara antes do Consello Federal a súa intención de rexeitar a proposta do Ministerio de Facenda. A súa voceira nacional, Ana Pontón, compareceu xunto ao vicepresidente da entidade municipalista e alcalde de San Sadurniño, Secundino García, e propuxo que a Fegamp actúe de "interlocutora" co Estado por Galiza.

Pontón apuntou que a débeda dos municipios ascende na actualidade a 0,3% do Produto Interior Bruto do país e asegurou que están "mal financiados e estrangulados economicamente".  Pola súa banda, García urxiu a reforma do financiamento local, un dos puntos do acordo do actual Goberno estatal. 

Presión nos municipios

Os límites impostos aos consistorios no uso do seu superávit e remanente proveñen da lei de racionalización da Administración local aprobada polo Executivo estatal de Mariano Raxoi en 2013, comunmente referida como a lei Montoro.

A norma limitou a autonomía dos consistorios locais, diminuíndo as opcións para investir o seu superávit a dúas: o pagamento da súa débeda ou os denominados Investimentos Financeiramente Sostíbeis (IFS).

Con excepcións, nos pasados oito exercicios moitas das arcas locais e as das Deputacións sanearon as súas contas e fecharon en números verdes. Segundo os datos de 2018, o superávit total dos Concellos galegos suma arredor de 888 millóns de euros.

A lei Montoro acompañouse do transvasamento de servizos que antes asumían os consistorios. Mais, como lembra a Fegamp, as Administracións locais seguen asumindo funcións da Xunta, como o mantemento de escolas e conservatorios ou o Servizo de Atención ao Fogar, con orzamento insuficiente e sen posibilidade de contratar máis persoal, outra limitación da norma.

Na presentación do Plan de acción no ámbito municipal após o estado de alarma no mes de xuño, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, cifrou en 340 millóns de euros os gastos acometidos ao asumir responsabilidades da Administración galega durante a crise sanitaria.

No Consello Federal, as Administracións locais acusaron o abandono e asfixia económica que sofren na actualidade sen teren recibido transferencias directas da Xunta, a pesar da inxección do Goberno estatal ás Administracións territoriais. 
 

Comentarios