A falla de cultura preventiva condena as empresas galegas a novos abrochos

Durante anos, a prevención laboral nas empresas galegas consistiu en cumprir cos mínimos que marca a lei, mais non en elaborar plans específicos. Esas carencias poden ser agora, en tempos de pandemia, unha condena para moitos negocios nos que a falla de medidas de prevención efectivas pode levar a rexistrar novos gromos.
Traballadora nunha oficina de Correos.
photo_camera Traballadora nunha oficina de Correos.

Os gromos detectados nos últimos días en empresas da Galiza, como son os casos da Pobra do Caramiñal ou da oficina de Correos na Lavacolla, poñen de manifesto as consecuencias da falla de plans de prevención específicos para frear o avance da Covid-19, mais tamén a escasa importancia que se lle dá tradicionalmente a esta materia nas empresas.

O virus avanza sen facer distincións entre o ámbito familiar e o laboral, de aí que sexa moi importante levantar unha barreira entre ambos en materia de prevención. En declaracións a Nós Diario, o responsábel de saúde laboral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Fran Cartelle, denuncia a falla de mecanismos suficientes de control para evitar que se producisen estes abrochos que, como advirte, "estanse a xeneralizar". A única solución que ve pasa por "investir en pór os medios para que isto non suceda. Trátase de gastar en prevención e non na medicación cando alguén xa está enfermo", apunta.

Detrás desta realidade está a "falla de cultura preventiva" nas empresas que, segundo critica "optan sempre por primar a parte económica dos seus negocios". Tamén o papel das Administracións. "Desde o Goberno descártase o confinamento. Polo tanto, asúmese que aparezan eses gromos e que se vaian tratando segundo vaian xurdindo. Iso non ten lóxica, é como asumir que imos ter incendios e logo ver se os damos apagado. O normal sería unha política xeral que evitase os incendios, investir niso, pero é máis custoso e de novo a economía volve primar", lamenta.

Na mesma liña, o secretario de Saúde Laboral de Comisións Obreiras (CCOO), Roi Fernández, carga contra a "lentitude" das Administracións, se fai patente en eidos como o da educación e a Atención Primaria. Entende, mais non comparte, que as empresas miren polas repercusións económicas da Covid-19, e máis cando moitas delas parten xa dunha situación difícil marcada pola caída da súa actividade. "Fechar 15 días por un contaxio é un problema moi gordo que pode pór en risco moitas empresas", alerta.

Presencia sindical

Neste senso, considera "fundamental" extremar as medidas de prevención que, como explica, "estanse a implantar de modo desigual nas empresas. Unhas son máis estritas que outras", recoñece. "Onde hai presenza sindical, as medidas tómanse máis en serio, e se hai delegados de prevención estarán aínda moito máis atentos ao cumprimento das mesmas".

Pero o problema ten unhas raíces moi profundas. Como indica Cartelle (CIG), "a solución, como todo, ten que partir dun principio preventivo e de rigor, pero sabemos que as empresas historicamente son pouco dadas a investir en prevención". "Se nunha situación normal xa é grave, nun contexto de pandemia esa falla de prevención vese moito máis".

Na súa opinión, hai algunhas actividades que tiñan que estar fechadas xa desde o minuto cero, e, en liñas xerais, pensa que "non se está a dar unha solución correcta a este problema". "Non está habendo un control real no mundo do traballo sobre a Covid-19, empezando por sectores básicos como son o da axuda a domicilio, que traballan con colectivos de risco e aos que non se lles está a facer tests. Na industria tampouco hai un protocolo preventivo en si mesmo, só se activa en caso de que se detecte un positivo".

Condutas temerarias

Por outra banda, os sindicatos comezan a detectar tentativas por parte das empresas de que os casos non saian á luz para evitar así as posíbeis afectacións no eido económico. "Estamos a detectar casos no comercio de alimentación e noutros sectores, casos de xente que marcha a traballar estando infectada", denuncian.

Ante estes feitos, cren que as Administracións deben actuar "con contundencia" e deixar a un lado os protocolos xeneralizados, como o do Ministerio de Sanidade, onde se dan recomendacións básicas como o lavado de mans ou a de respectar a distancia de seguridade, e apostar por que cada negocio elabore os seus, atendendo ás súas particularidades.

Por outra banda, o responsábel de saúde laboral da CIG critica o feito de que a prevención en moitas empresas "consiste en cubrir as aparencias formais, cumprir os requisitos que marca a lei pero sen un modo de actuación que se adapte á realidade de cada centro de traballo. Trátase de gardar as formas, mais non son medidas de prevención reais", unha conduta que na súa opinión debería mudar para non arriscar a saúde nas empresas e o seu propio futuro.

Comentarios