Opinión

Historia dun home so: Falemos da eutanasia

El era técnico de imaxe na Asemblea de Madrid e ela secretaria xudicial. Coñecéronse novos, compartiron vida, non tiveron fillos, ambos eran ateos e tiñan feito testamento vital ante notario. Gustáballes a lectura, o cine e a arte. Un día, cando ela aínda non chegaba aos 40 anos, chegou o lategazo: esclerose múltiple, unha enfermidade autoinmune do sistema nervioso que non ten cura e evoluciona de xeito dexenerativo. Intentou suicidarse pouco despois cunha sobredose de fármacos, pero el atopouna a tempo e salvouna. Falaron e pecharon un acordo: “Deixareite decidir cando a enfermidade avance, pero por agora tes calidade de vida”. Cando aínda podía mover as mans, ela mercou por internet pentobarbital sódico, un potente barbitúrico. Diso hai tres anos, os mesmos que ese frasco estivo gardado na casa. Na actualidade ela estaba encamada, non podía camiñar, asearse, comer, ver ben, tragar nin manterse sentada porque tamén tiña alterado o equilibrio. Unha muller que outrora pintaba e tocaba o piano, era agora un saco de ósos absolutamente dependente que sufría fortes dores e non podía facer ningunha actividade básica sen axuda. Polo medio, case 10 anos de espera para entrar nunha residencia, prestación que nunca chegou. El fixo unha hernia por cargala a ela en peso e co tempo tamén solicitou que a ingresaran temporalmente nun centro para poder operarse (non contaban con outros familiares que puideran axudarlles). Tampouco lla concederon e el nunca pisou o quirófano. Toma medicación de por vida e xubilouse anticipadamente aos 61 anos para poder coidala cando o seu deterioro físico se converteu en masivo.

A comezos deste mesmo mes de abril, el gravou un vídeo no que ela expón a súa vontade libre de rematar coa súa vida ante a nula perspectiva de mellora da esclerose múltiple. El subminístralle o pentobarbital, que ela non pode tomar por si mesma. Ela cae nun fondo sono e falece; el é detido ese mesmo día baixo acusación de homicidio. Pasou a noite nun calabozo do barrio de Tetuán, pero lembrouse de levar o medicamento contra a dor, porque xa sospeitaba que o catre onde non foi quen de pegar ollo non ía ser o máis axeitado para a súa hernia. Ela chamábase María José Carrasco e él, a súa parella é Ángel Hernández. Todos os detalles que abren este texto están explicados nunha longa entrevista que ambos concederon ao xornal El País, o día 16 de outubro de 2018, na súa casa de Madrid ateigada de libros e películas. Non era un segredo a gravidade do seu caso, como tampouco o era o desexo dela: “Non quero durmir, quero morrer”, berraba convencida desde o titular. Ángel fixo efectivo o pacto que os dous selaran despois daquel intento de suicidio, ante a perspectiva de que a eutanasia non ía ser regulada en España. Ao ser detido, non puido ir ao Instituto Anatómico Forense e tivo que retrasar forzosamente os trámites para a incineración de María José. Foi posto en liberdade sen cargos ao día seguinte. El País publicou unha foto estarrecedora del ante a cama baleira de María José que para min é unha estampa viva da tristura máis fonda. Un home só, viúvo, coa conciencia tranquila e o corazón esnaquizado. Quen lle devolve a Ángel a dignidade coa que non puido vivir o seu dó?

A eutanasia activa ou o suicidio médico asistido son prácticas legais en Bélxica, Canadá, Colombia, Luxemburgo, Holanda, Suíza e en sete estados dos Estados Unidos. Unha enquisa de IPSOS do ano 2018 sinalaba que arredor do 85% da cidadanía española está a favor da regularización da eutanasia. Ao Congreso do Estado chegaron ata seis proposicións neste sentido que nunca chegaron a ser aprobadas (ben por rexeitamento ou ben por ter caducado o procedemento). Un tema espiñento e tremendamente incómodo que volve á palestra cada certo tempo, coma unha ferida pechada en falso.

O caso de María José Carrasco demostra que, por desgraza, vinte anos non foron nada para conseguir unha lexislación que garanta a morte digna no Estado Español desde que Ramón Sampedro a reclamara infrutuosamente en varias instancias antes de executala, ante unha cámara de vídeo, o 12 de xaneiro de 1998. “O dereito de nacer parte dunha verdade: o desexo de pracer. O dereito de morrer parte de outra verdade: o desexo de non sufrir. A razón ética pon o ben ou o mal en cada un dos actos. Un fillo concibido contra a vontade dunha muller é un crime. Unha morte contra a vontade da persoa tamén. Pero un fillo desexado e concibido por amor é, obviamente, un ben. Unha morte desexada para liberarse dunha dor irremediable, tamén”, escribiu o tetrapléxico sonense. Vinte anos mais tarde, o mesmo podería aplicarse a María José Carrasco. Pero mentres a moral católica e a noción de pecado sigan a impregnar o debate público sobre a eutanasia, nada avanzará neste eido. Porque, señores, señoras e señorías: non falamos de matar, falamos de calidade de vida e dignidade humana.

Son da opinión de a dignidade da vida non é compatible cun padecemento incapacitante e incurábel. Tamén creo que ninguén pode impoñer o seu código moral a outra persoa, especialmente se quen desexa poñer fin ao seu sufrimento non profesa ningunha relixión. Se realmente nos prezamos de vivir nun país aconfesional, necesitamos regularizar a eutanasia para que vivir deixe de ser un castigo. Porque persoas como Ángel, o home que narraba as películas a María José de viva voz cando xa non podía velas, non teñen que estar na cadea como criminais. Ninguén sensible ao sufrimento humano pode ser considerado un delicuente. Moito menos, un home só ante unha cama baleira que exerceu un acto de amor supremo: o de liberar da dor a quen se ama.

Comentarios