Falece Xosé Manuel Olveira, “Pico”, unha figura central da escena galega

Nome esencial do teatro, o cine e a televisión galega, Xosé Manuel Olveira, Pico, faleceu esta qunta feira 13 de Xuño despois dunha longa enfermidade. O filme "Somos xente honrada", recén estreado, pecha a súa exitosa traxectoria artística. 

Xosé Manuel Olveira, Pico
photo_camera Xosé Manuel Olveira, Pico

O filme “Somos xente honrada”, recén estreada no Festival de Málaga, pecha a conta de filmes de Xosé Manuel Olveira, Pico; remata así unha dilatada traxectoria na que o actor subiu ao cumio do teatro galego, foi querido e popular nas súas intervencións en series televisivas e protagonizou as máis brillantes interpretacións da escena contemporánea. 

"Estandarte do teatro"

“Supón todo. Como actor, como persoa, como compañeiro. É unha perda inasumíbel para a profesión. Era moi bon amigo e a súa é unha perda moi grande”, comenta un emocionado Toño Casais, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, nada máis enterarse do falecimento do actor. “Era o verdadeiro estandarte do teatro galego”, di Casais, nunha opinión compartida por boa parte da profesión. 

Arredor de medio cento de filmes teñen Pico no seu reparto, desde as iniciais fitas con Chano Piñeiro

Nacido en Esteiro, Muros, en 1955, Xosé Manuel Olveira incorporase ao mundo do teatro en 1972, participando en diversas compañías que lle proporcionaron un lugar estelar no teatro profesional, desde a inicial amadora Ditea até ser un nome de referencia nas obras do Centro Dramático Galego, producións que lle valeron diversos premios, entre eles, varios María Casares e Mestre Mateo.

A imaxe de Olveira está apegada nos seus inicios aos comezos do cinema en galego, ás producións de Chano Piñeiro nas que a súa interpretación comezou a abrirlle portas no mundo do audiovisual, no que se convertiría no nome máis recoñecido, tanto polos filmes que protagonizou como polas series televisivas nas que participou.

"Era o verdadeiro estandarte do teatro galego"

Arredor de medio cento de filmes teñen Pico entre o seu reparto, desde as iniciais con Chano Piñeiro até "Fuxidos", de Sancho Gracia; "El rey del río", de Gutiérrez Aragón; "Blanca Madison", de Carlos Amil; " A lingua das bolboretas", de José Luis Cuerda; "Cuando vuelvas a mi lado", de Gracia Querejeta; "La noche que dejó de llover", de Alfonso Zarauza; "Celda 211", de Daniel Monzón; "18 comidas", de Jorge Coira; ou "Doentes", de Gustavo Balza.

Mais foi nas series televisivas nas que Xosé Manuel Olveira se fixo popular, converténdose nunha das imaxes máis recoñecidas do audiovisual. Inesquecíbeis son as súas participacións en series como "Pratos combinados" ou "Padre Casares", que contou co aplauso da audiencia ou "Air Galicia" mais tamén coa presenza en series da televisión española como "Cuéntame". 

Olveira foi presidente da Asociación Galega do Audiovisual e un dos referentes máis respectados entre a profesión, con solidez profesional e persoal na defensa do teatro e o audiovisual galego. Malia a enfermidade, Xosé Olveira continuou traballando e a gravidade do diagnóstico non impediu que continuase defendendo proxectos, aínda que con menor actividade da que caracterizou a súa traxectoria. No ámbito teatral e audiovisual sabíase da gravidade da súa situación mais, mesmo así, a noticia caeu como o chumbo, confiados os seus compañeiros e compañeiras de que as piores previsións non se cumprirían e a Pico quedaríalle máis escena do que infelizmente permitiu esta repentina baixada do pano. 

Comentarios