Falece o poeta Álvarez Torneiro

Morreu na súa casa da Coruña aos 87 anos de idade.

Álvarez Torneiro
photo_camera Álvarez Torneiro

Manuel Álvarez Torneiro, xornalista e poeta, faleceu na súa casa da Coruña aos 87 anos de idade. En 2013 recibiu o Premio Nacional de Poesía, o primeiro poeta en recibir este premio cun libro en lingua galega, con Os ángulos da brasa, obra que tamén lle reportou o Premio da Crítica da Poesía Galega. Foi nomeado membro de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega en 2011. 

Foi un dos fundadores do grupo poético Amanecer nos anos 50 do século pasado na Coruña. A súa estrea en galego foi a inicios dos 80, con Memoria dun silencio. A partir de aí desenvolveu una completa obra, cuxa última entrega foi Onde nunca é mañá, 2014’. Nacido na Coruña en 1932, Álvarez Torneiro desenvolveu a súa vocación poética xa con cincuenta anos a partir do seu debut en 1982 con Memoria dun Silencio. Desde entón publicou títulos como Rigorosamente humano (1995, Premio Esquío); Luz de facer memoria (1999, Premio González Garcés e Premio da Crítica); Campo segado (2001); Epicentro (2003); Setembro Stradivarius (2004), e Parábola do incrédulo (2006). 

Tras coñecerse a noticia, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) emitiu un comunicado no que manifestou o seu "profundo pesar" pola perda de Manuel Álvarez Torneiro, o que, subliñaron, "deixa na súa obra un excepcional traballo poético ao servizo da reflexión humanística". Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, lembrou na súa conta de Twitter a figura de Álvarez Torneiro,.

A Deputación da Coruña, pola súa banda, mandou unha mensaxe de recordo ao poeta coruñés, gañador en dúas edicións do Premio Miguel González Garcés da institución provincial, e cuxa "obra e memoria perdurará no tempo". Entre outras mensaxes de condolencia figura o do BNG da Coruña, que eloxiou a figura do poeta como "un home comprometido" co galego e despediuse de "un mestre da palabra" e "un coruñés ilustre".

Comentarios