Falece Xosé Luis Franco Grande

Aos 84 anos de idade.

Xosé_Luís_Franco_Grande (Estevoaei Wikipedia)
photo_camera (Estevoaei Wikipedia)

Xosé Luis Franco Grande faleceu aos 84 anos de idade. Foi un dos membros da xeración Illa Nova, autor do imprescindíbel volume "Os anos escuros" (que permite coñecer a resistencia cultural no franquismo") e autor do dun Dicionario galego-castelán publicado en 1968 e que coñeceu numerosas edicións.

Naceu en Tomiño, onde viviu os seus primeiros anos. Estudou en Compostela. Recén saído da universidade comprometíase coa causa galeguista para implicarse en accións para a recuperación do legado cultural, lingüístico e nacional de Galiza, como lembra Galaxia, editorial a cuxo nacemento contribuiu cun traballo "bo e xeneroso".

Hai un par de semanas, saía do prelo a súa derradeira obra nesa editorial, titulada A ilusión da esperanza. De Cabanillas a Xulio Ríos. 

Se hai un libro esencial na súa abondosa e prolífica bibliografía é Os anos escuros, verdadeira crónica testemuñal dunha época.

Destacábel é tamén a súa creación poética, con obras como A miña vida toda (1967) ou, xa relativamente próximas,  Xoguetes do tempo (Galaxia) e o Libro das Abandonadas, (Teófilo). Fixo parte do movemento literario denominado Escola da Tebra.

Foi tamén articulista en distintos medios. Autor tamén de varias pezas teatrais, cultiva tamén o ensaio e a crítica literaria. Ingresou na Real Academia Galega o 3 de xullo de 1998 co discurso O antigo réxime nunha familia do Baixo Miño.

Participou na creación do Partido Socialista Galego (PSG) na clandestinidade.

A súa traxectoria vital estivo chea de compromisos e implicacións en diferentes eidos culturais e do activismo. Dirixiu un espazo radiofónico -Raíz e Tempo-; participou como fundador da Asociación Cultural de Vigo; Cintia, unha cantautora catalá, gravou na discografía Digsa, o poema "Venceremos Nós" (Joan Báez, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Manuel Beiras). Anos despois converteuse no himno das mobilizacións estudantís que se produciron en Compostela no 1968 contra o franquismo.

Comentarios