Que fai unha xesta no teu carro?

En boa parte de Galiza o 1 de maio circulan polas estradas coches cunha ponliña de xesta florida. De onde vén desa tradición?

xestas
photo_camera Ponla de xesta nun coche en Compostela

Nas portas das casas e na defensa dianteira do coche. Alí aparecen todos os primeiros de maio as ponliñas de flor amarela, sobre todo nas Rías Baixas, pero tamén no norte de Portugal, segundo nos conta o antropólogo Rafael Quintía. "Antigamente adornábanse as portas, as xanelas e os carros, pero loxicamente a tradición adaptouse aos tempos e agora lévana tamén os coches".

"Trátase dunha festa que celebra o esplendor da primavera: os días medran e o tempo é máis benigno. É unha celebración asociada á rexeneración da natureza", explica o gañador do Ramón Piñeiro de ensaio. É unha festividade máis ligada co ciclo agrario: "Funciona como esconxuradora do mal. Críase que había que collelo antes de que saíra o sol e que protexe a bonanza das colleitas. Dicíase tamén que quen non o poñía pasaba o ano amaiado, apampado, molido". É un rito "protector e propiciatorio". 

Rafael Quintía: "Funciona como esconxuradora do mal. Críase que había que collelo antes de que saíra o sol e que protexe a bonanza das colleitas. Dicíase tamén que quen non o poñía pasaba o ano amaiado, apampado, molido"

Está ligada, por suposto, aos maios: "Había moitas variantes de maios: maios vivintes, con rapaces e homes que ían contando e pedindo lambonadas polas casas; rapaces ofrecéndolle ramos a outros veciños, hai moitas variedades". E mesmo indica que a festividade do domingo de Ramos é unha absorción desta tradición por parte do cristianismo. 

En Portugal tamén son costume, segundo Quintía, as "maias": castañas secas que se comen o 1 de maio e que protexen das dores de cabeza todo o ano. 

O 1 de maio coincide tamén cunha das catro festividades do calendario céltico, o Beltaine, que tamén celebra o rexeneramento da natureza.

O 1 de maio coincide tamén cunha das catro festividades do calendario céltico, de tanta influencia en todo o mundo atlántico e cun importante substrato na Galiza. Trátase do Beltaine, que tamén celebra o rexeneramento da natureza. As outras son o Lugnasad (1 de agosto), o Samaín (1 de novembro) e o Imbolc (1 de febreiro), a Candeloria galega, ou o Día dos Paxariños

E tamén historiadores do movemento obreiro como E.P. Thompson relacionan esta orixe do primeiro de maio na raíz da coincidencia co Día dos Traballadores, posto que a revolta de Haymarket no Chicago de 1886 que deu orixe a esta xornada de reivindicación tivo lugar un 4 de maio, non un primeiro de maio. 

Comentarios