Facenda rectifica e suspende a regra de gastos dos concellos

O Goberno español dá marcha atrás na súa intención de facerse cos remanentes dos concellos e, pese a asegurar durante meses que non había outra vía para que os municipios puidesen empregar os seus aforros, agora Facenda anuncia un novo decreto que permitirá aos consistorios investir os seus superávit.
A ministra de Facenda do Goberno español, María Jesús Montero.
photo_camera A ministra de Facenda do Goberno español, María Jesús Montero.

O Goberno español suspenderá a regra de gasto dos concellos nun novo decreto e permitiralles investir os cartos do superávit para facer fronte á crise. 

Trátase dun xiro de 180 graos en Madrid, xa que a ministra de Facenda, María Jesús Montero, repetiu nas pasadas semanas que o único camiño para que os concellos puidesen empregar os cartos dos seus remanentes (liquidez obtida ao final do exercicio orzamentario) era a través da entrega ao Estado dos cartos do superávit aforrados durante anos polos municipios. A cambio, estes poderían empregar un fondo de 5.000 millóns de euros que o Estado repartiría en función de criterios como os poboacionais, ficando así localidades fóra da distribución.

Con ese pacto que Montero alcanzou coa Federación Española de Municipios e Provincias (Femp) presentou o decreto dos remanentes o pasado 10 de setembro no Congreso, colleitando a primeira derrota parlamentar do Executivo de coalición, pois a medida só logrou o apoio do PSOE, Unidas Podemos e Teruel Existe.

E é que previamente, durante o verán, coceuse unha rebelión en numerosos municipios que, tendo recursos económicos en forma de remanentes, víanse sen a posibilidade de empregalos en beneficio da veciñanza debido ás leis que estabelecen a regra de gasto (que ao seu tempo impón un teito de investimento), o concepto de défice e o de estabilidade. 

"Lei Montoro"

A presidenta do PSOE, Cristina  Narbona, defendeu que "rectificar é de sabios", en alusión ao novo decreto que anunciou Montero, mentres que para o presidente do PP, Pablo Casado, "Sánchez só acerta cando rectifica" e indicou que esta decisión "desautoriza" a ministra de Facenda e o presidente da Femp, o alcalde vigués Abel Caballero, que deben "asumir a súa responsabilidade por este fracaso".

A líder do BNG, Ana Pontón, demandou a supresión definitiva da "Lei Montoro" para que os concellos galegos poidan usar os 900 millóns de euros dos seus remanentes para combater a crise da Covid-19.

O novo decreto non incluirá o capítulo sobre remanentes

O Executivo quere agora presentar un novo decreto baseado no anterior, mais eliminando o capítulo dos remanentes. A nova norma suspenderá a regra de gasto para 2020 , prorrogará o uso do superávit para investimentos financeiramente sostíbeis e "concederá mellores condicións financeiras para concellos con problemas financeiros", dixo a ministra de Facenda nunha entrevista.

Tamén se permitirá concluír en 2021 os proxectos de investimentos iniciados en 2019 e que se estean financiando con superávit de 2018. Desta maneira, e a pesar de que non se poidan empregar todos os remanentes, os concellos poderán investir os cartos aforrados do superávit dos exercicios de 2018 e 2019. Os concellos con risco financeiro poderán pagar as súas débedas coa Axencia Tributaria e a Seguridade Social con recursos do Fondo de Ordenación. 

Comentarios