Opinión

‘Extremaydura’

O título deste artigo é un lixo. Ou polo menos segundo unha das poucas leccións que lembro da universidade: “Nunca tituledes co nome dunha película, canción ou semellantes. Non recorrades a xogos de palabras doados. Dádelle máis ós miolos”. Por se forse pouco, aborrezo Extremoduro e polo tanto a canción que serve para encabezar esta peza. Por se non sumei suficientes inimigos, afirmo que tamén me entran unha orella e me saen pola outra La Fuga ou a Marea (o grupo... musical), tres das bandas máis populares da miña adolescencia das que sempre reneguei. 


Supoño que pola súa propia fama e por ter a orella acostumada ás punkalladas de Skacha ou Keltoi! ou ós cantos de Fuxan os Ventos. Mais teño que asumir que este pobre xogo é o que mellor lle acae á situación vivida polo Lugo contra o Estremadura, terra de Robe Iniesta e compaña. Extrema, pola cantidade de baixas que tiveron os albivermellos; e dura, por saberse inferiores a un equipo da súa mesma liga. E aínda así, un empate que serve para seguir na nómina, pero cun soldo precario que o CD Lugo precisa aumentar de tres en tres canto antes. 


O mercado de inverno concentrou demasiado balbordo na previa a un partido fundamental. Un ruído que se traduciu en dúas saídas. Dunha banda, a de Bernardo, titular o ano pasado, pero que este pasou a un segundo plano. Un profesional modélico que, malia non ter tido regularidade nos últimos tempos, acaba de fichar polo Granada, líder da categoría. Doutra, Kravets, lateral esquerdo titular, e unha das figuras do CD Lugo, que acaba de converterse no traspaso máis caro da historia do club. Chegar, medrar e, se cadra, encher, é o camiño dos xogadores que pasan por este equipo.


Para un equipo modesto, poder ingresar máis dun millón de euros por un xogador que descubriu na remota liga ucraína é un éxito. Pero os cartos non se comen aínda que axudan co xantar, e aínda menos supoñen unha garantía de recambio. A estratexia desta venda invernal semella clara en Lugo: alixeirar fichas, facturar e botalo todo ó blackjack a ver se sae a ficha gañadora dun dianteiro que este equipo necesita coma o comer. Por se fosen poucas, Alberto Monteagudo, técnico do CD Lugo, tivo que facer fronte a máis baixas que lle obrigaron a innovar xusto no peor momento. 

A estratexia desta venda invernal semella clara en Lugo: alixeirar fichas, facturar e botalo todo ó blackjack a ver se sae a ficha gañadora dun dianteiro


Hai sete días os albivermellos sacabamos peito por ter empatado sen goles en Riazor contra o Deportivo. Unha semana despois, cunha pinga de suor tan gorda coma o Miño, dábamos grazas por non ter perdido contra o Estremadura, superior ante un Lugo mermado. A partida foi extrema pola cuarentena da convocatoria e dura polo feito de sentirse visitante na casa. E iso que a contenda arrancou de xeito positivo, cun tanto do incombustible Carlos Pita. Que anote o ‘5’ eterno é sempre unha boa nova, porque é un dos nosos. Pero unha reflexión máis fría lévanos a pesar que este equipo sobrevive grazas ós de sempre e que o relevo xeracional atascouse nalgunha das múltiples engranaxes que se teñen cambiado nos últimos anos. 


O CD Lugo é carlista. Nin de Sixto de Borbón Parma nin de Carlos Hugo. Do citado Carlos Pita e de Juan Carlos. O segundo ten feito que todos os nenos albivermellos queiran ser porteiros. Non nos arriscamos se dicimos que é o meta de Segunda que máis puntos suma. O ano pasado até meteu un gol. Este, incluso cando o equipo amosa unha imaxe febril coma a deste domingo, está ó máximo nivel (se hai algún rumor sobre a súa prematura saída sufriremos un desmaio). A súa última obra: unha bestial parada a un penalti executado por Enric Gallego, o máximo goleador da categoría con 15 tantos, cinco máis que o segundo da táboa, o deportivista Quique. Un xogador de 32 anos polo que o Huesca, agora en Primeira, pagaría varios millóns de euros. 

Juan Carlos é o meta de Segunda que máis puntos suma


A nosa ideoloxía ofensiva contra o Estremadura foi tan residual coma o propio carlismo. O sistema de emerxencias con tres no eixo da zaga e dous carrileiros non funcionou. Tampouco esperabamos que o fixese con xogadores como San Emeterio, inédito en Liga. Preocupa bastante máis o desacerto ofensivo que acumula o equipo semana si, semana tamén. Agora mesmo dinnos que amarramos a Rivaldo con 46 anos e asinamos. Ou a Carolo. Pero xa o dicía Rodrigo Rato, “eso es el mercado, amigo” e aspiraremos ó que haxa. Aínda que a cita que mellor nos funciona é o “puido ser peor”. O único que lle pido ás próximas semanas é un exercicio de resistencia colectiva, entre a afección e os xogadores que queden ou veñan, para non ter volver a titular nunca máis cunha canción, E menos de Extremoduro.

Robe  

Comentarios