A extrema dereita toma a palabra nos EUA

Hai poucos meses, o supremacismo branco foi cualificado como a principal ameaza á seguridade nacional dos EUA. Porén, numerosos grupos planearon e anunciaron nas redes o plan de asaltar o Capitolio sen que as forzas policiais foran quen de evitalo. Os vídeos difundidos tamén cuestionan o papel dalgúns axentes durante os sucesos.
EuropaPress_3506300_06_january_2021_us_washington_supporters_of_us_president_donald_trump_storm
photo_camera Algúns dos manifestantes pro Trump abrázanse despois de acceder pola forza ao interior do Capitolio, en Washington, na cuarta feira (Foto: Miguel Juarez Lugo / ZUMA Wire)

A pasada terza feira, aproximadamente 24 horas antes do asalto ao Capitolio, The Washington Post titulaba: "Os foros pro Trump agroman con ameazas violentas antes da marcha da cuarta feira contra as eleccións de 2020".

Xa na segunda feira, varias entradas nunha das salas de debate da plataforma 4chan reflectían que os seguidores do aínda presidente, Donald Trump, planeaban forzar a evacuación do Capitolio durante a sesión de confirmación da vitoria do presidente electo, Joe Biden. Tamén foron múltiples as referencias a asaltar a sede lexislativa nos días previos á votación da quinta feira na web TheDonald.win, creada o ano pasado e epicentro do plan. 

Desta circunstancia foron alertadas as forzas policiais estadounidenses, segundo informou hoxe The Wall Street Journal. Porén, esta sexta feira continuaban a aparecer vídeos onde se observa que parte dos axentes de seguridade do Capitolio mantiveron unha actitude pasiva, cando non de colaboración cos manifestantes, facilitando o seu acceso ao edificio. Novas imaxes mostran, por exemplo, algúns oficiais indicando o camiño a seguir aos asaltantes.

Non é a primeira vez que se evidencia esta connivencia. Por exemplo, nos enfrontamentos que se produciron a finais de agosto en Kenosha, Wisconsin, como consecuencia dos sete disparos nas costas que recibiu o cidadán negro Jacob Blake. Pouco antes de o adolescente de 17 anos Kyle Rittenhouse acabar coa vida de dous dos manifestantes de Black Lives Matter, a Policía repartía botellas de auga entre os membros da contraprotesta ao tempo que os animaban e lles agradecían que estivesen alí. Recólleo un vídeo publicado o 27 de agosto por The Washington Post.

Brancos, non negros

As dúbidas sobre a actuación policial antes e durante o asalto á sede parlamentaria levarán a unha investigación interna por parte do Congreso. O presidente da subcomisión que financia a Policía do Capitolio, o republicano Tim Ryan, canda os demócratas Chris Murphy e Rosa DeLauro, presidentes das que regulan as despensas en diñeiro do Goberno dos Estados Unidos (os máis influentes do Congreso) liderarán esta pescuda.

Ryan, en declaracións a BuzzFeed, sinalou que os dous principais responsábeis da seguridade do Capitolio lle aseguraran nos días previos ao día da ratificación de Joe Biden que a expectativa de altercados era "baixa". Ademais, nese mesmo día, o Departamento de Defensa dos EUA denegou a petición da alcaldesa de Washington, Muriel Bowser, de despregar a Garda Nacional: non foi até que os asaltantes conseguiron entrar ao edificio que o Goberno federal o autorizou. "De haber persoas negras aí fóra, penso que a resposta tería sido moi diferente", sostivo o republicano Ryan.

"A maior ameaza interna"

As deficiencias na actuación policial chocan ademais co proceder dos últimos tempos. O pasado mes de setembro, un informe inicial do Departamento do Interior sinalaba os grupos supremacistas brancos como "a maior ameaza para a seguridade nacional". En outubro, o FBI arrestou 13 paramilitares dunha milicia chamada Wolverine Watchmen, acusados de planear o secuestro da gobernadora do Estado, a demócrata Gretchen Whitmer. E esta mesma semana, na segunda feira, a policía de Washington detivo a Enrique Tarrio, o líder do grupo de extrema dereita Proud Boys, acusado de queimar unha bandeira de Black Lives Matter.

Proud Boys é un dos grupos presentes no asalto ao Capitolio. Todos homes, de ideoloxía antiinmigración, contan cun amplo historial de violencia contra militantes da esquerda. Habitualmente visten con polos de Frank Perry e puchas de MAGA ("Make America Great Again, lema de Trump). 

Na súa canle de Telegram ou en Parler ─unha alternativa a Twitter usada fundamentalmente polas persoas bloqueadas nas principais redes sociais ou opostas á súa política de moderación─ pódense ver numerosas imaxes do asalto, gabándose de levar o medo aos congresistas, e  homenaxes a asaltante Ashli E. Babbitt morta no asalto.

Tamén, logo de Trump condenar finalmente a "profanación da sede da democracia estadounidense" e recoñecer a derrota nas eleccións presidenciais, podíanse ler varias mensaxes falando de "traizón".

Comentarios