Opinión

Expulsións

Aínda que hoxe nos pareza algo chocante, non hai moito as mulleres dominaban o campo da computación. Un recente podcast de Caitlin Kenney e Steve Henn analiza como foi que as mulleres acabaron sendo expulsadas deste espazo en occidente por mor dos estereotipos de xénero que foron difundíndose ao redor dos anos 80. Tamén, de como todo comeza coa división dos xogos na infancia, un evento que resume o paso do “unisex” e das bicis de todas as cores da miña infancia á determinación estrita de xogos “de nenas” e “de nenos”. Entre estes últimos, a tecnoloxía e os ordenadores. O resultado témolo, unhas décadas nada máis máis tarde, diante dos ollos.

Os procesos de expulsión das mulleres dos espazos son tan simples e tan complexos como isto que acabo de explicar, mais todos regresan ao mesmo punto de partida: os papeis de xénero ríxidos e estereotipados que se transmiten de forma inconsciente na sociedade (a través do que lemos, vemos, escoitamos) como “normais”. Mentres non atallemos esa raíz, non acabaremos coas súas consecuencias (entre elas, a violencia económica, social e sexual).

No momento en que unha cousa adquire valor por ser “de homes” e o perde por ser “de mulleres” estamos poñendo os alicerces de todo un sistema que tamén perverte o uso de termos como a “feminización”, creado polos feminismos como ferramenta para entender a desigualdade e que agora se usa coma se o problema fose que houbese mulleres en certos lugares e non a connotación negativa de todo o que ten que ver co “feminino” (que non por ser un construto é algo irreal, ao contrario, é ben tanxible e material).

Por iso a solución non é introducir homes en profesións que tradicionalmente desempeñaban mulleres, senón erradicar a asociación de precariedade que se une a elas mentres as desempeñan mulleres. Resumidamente, subir os soldos e mellorar as condicións de traballo das que xa están e logo, se queren vir homes, que veñan. Non ao revés. Semella que tentando desfacer un mal acabamos reforzando a súa base, co resultado final de expulsar as mulleres dos espazos e introducir homes, que xa están en todas as esferas de poder, onde nin sequera ten moita lóxica a súa presenza (véxase a aplicación absurda das normas de paridade nos tribunais de tese das universidades). Cómpre ter sempre os ollos ben abertos para que as medidas que se desenvolveron para reparar unha situación de inxustiza sistémica non a acaben agravando.

Comentarios