Exportacións de Galiza: non é ouro todo o que reloce

Galiza vai fechar 2018 cunha nova marca en exportacións: 17.000 millóns de euros nos primeiros tres trimestres do ano, un aumento de 7,6%. Mais os macrodatos non deben maquillar outra realidade: apenas cinco empresas acaparan a maior parte das vendas ao estranxeiro e ese mercado non incorpora as pemes galegas. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 328 de Sermos Galiza.

6Entre xaneiro e setembro deste ano Galiza exportou produtos e mercadorías por valor de 17.106 millóns de euros; un 7,6% máis que no mesmo período de 2017, un medre que duplica o do Estado español, onde ese incremento foi de 3,2%. As voces que afirman convencidas que, porcentualmente, o volume exportador de Galiza móvese a niveis de Reino Unido ou Estados Unidos elevan o ton. Nunca se vendera tanto ao exterior, remachan.

Mais, somos unha potencia exportadora? Non axuda moito a esa idea que a metade das nosas exportacións deriven de só cinco empresas. Das 247.000 empresas que hai na Galiza apenas 7.000 son exportadoras. E delas, só 35% exportan regularmente. Hai 700 firmas clasificadas como exportadoras e cuxas vendas anuais ao estranxeiro móvense entre os 5.000 e, como tope, 50.000 euros. 

Desde o Foro Económico de Galiza lembran que os datos exportadores non son precisamente para andar a tirar foguetes. Na última década o cómputo das vendas ao estranxeiro de Galiza está por baixo da media española. E, importante, o mercado estranxeiro non incorpora as pequenas e medianas empresas galegas. A porcentaxe de firmas exportadoras aumentou no Estado en 35% mentres que en Galiza foi de menos de 7%. A análise das nosas exportacións deita máis datos a ter en conta: 65% de todo o que comercializa o país fóra corresponde a 25 empresas; ou que automoción e téxtil representan máis da metade das nosas exportacións. Eis o desequilibro, a dependencia excesiva do que aconteza en dous sectores que podemos reducir a dous nomes: Inditex e PSA Citroën.

 
Temos unha economía que bate marcas de exportacións, mais estas proceden dun número reducido de empresas e de dous sectores moi concretos. Aliás, hai unha importante fenda territorial, coas comarcas orientais en niveis de exportación moito máis baixos que as atlánticas. 

Unha radiografía da Galiza exportadora sitúa os nosos principais clientes na Unión Europea, destinataria de 73% das nosas vendas (81% en 2007). 

O doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela Joam Lópes Facal convida en A internacionalización económica de Galicia a sermos prudentes. Lembra que as cifras de investimento de Galiza no estranxeiro multiplican case por cinco as da captación de capital que empresas foráneas destinan a proxectos no noso país.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 328 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios