As exportacións da Galiza baixan un 56% en abril, segunda maior caída do Estado

Polo mal comportamento de automoción e téxtil, os dous motores das exportacións galegas.

Porto de Vigo [Imaxe: Cedida]

Galiza realizou exportacións en abril por valor de 772,5 millóns de euros, o que supón unha caída de 56,2% respecto ao mesmo mes do ano anterior debido ao impacto do coronavirus, segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Esta baixada é asegundo maior no Estado, só superada por Canarias (-66,4%). O retroceso das vendas ao exterior na Galiza é 17 puntos máis elevado que a media estatal (-39,3%).

Unha das cuestións que explican esta situación foi o peche temporal da planta de PSA Citroën de Vigo durante abril. E é que as vendas ao exterior de vehículos protagonizan a diminución (-88,7%), seguida do téxtil (-80,3%). No outro extremo, as conservas de carne e peixe rexistran o maior repunte neste mes de confinamento (+45%).

Por destino xeográfico, baixan as vendas a todos os países cos que habitualmente comercia Galiza: Alemaña (-68,1%), Francia (-66,5%), Italia (-60,8%) e Portugal (-52,4%).

Comentarios