A experiencia de compañías e profesionais non conta nas axudas á creación teatral

A resolución das axudas á creación escénica convocadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais deixaba este 2020 fóra varias compañías con máis de 30 anos de traxectoria, segundo denunciaba esta semana a Academia Galega de Teatro. Os cambios nas bases, que deixan de lado a valoración obxectiva das profesionais artísticas (agás a dirección), xa levan tempo provocando malestar no sector, que atravesa un momento especialmente crítico polo impacto da Covid-19.
Miguel Pernas e Ana Santos
en 'As virxes salvaxes'.
photo_camera Miguel Pernas e Ana Santos en 'As virxes salvaxes'.

A Academia Galega de Teatro (AGT) facía esta semana público un comunicado no que denunciaba o seu "rexeitamento" aos cambios nas bases das axudas á creación escénica 2020. Até este ano, o proceso de escolla dos espectáculos subvencionados contaba, fundamentalmente, con dúas fases diferenciadas.

A primeira consistía nunha valoración de criterios automáticos, realizada por unha comisión de persoal funcionario da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) que contabilizan os puntos atendendo a unha serie de parámetros analizados obxectivamente.

Na segunda, unha comisión de persoas relacionadas co sector das artes escénicas valoraba os criterios artísticos da memoria do proxecto de forma subxectiva, con máximas moi xenéricas como "repercusión na creación e fomento de públicos".

O cambio

Nos últimos anos, 2019 inclusive, estas subvencións reservaban un apartado da valoración obxectiva ao equipo artístico, no que se tiñan en conta as titulacións oficiais relacionadas coas artes dramáticas e musicais, os premios recibidos e a traxectoria profesional. Isto mudou en 2020, onde a sección desaparece por completo, de maneira que só se consideran a formación, traxectoria ou premios acadados pola dirección.

A exclusión, denunciaba a Academia, ignora "o peso e a contribución artística ás montaxes de actores e actrices, profesionais da escenografía, da iluminación, do vestiario e doutras tantas disciplinas". Isto incorre nun menosprezo da formación e da traxectoria destes axentes creativos.

Ademais, o novo sistema tampouco recollería no balance a traxectoria das compañías, valorando exclusivamente a actividade dos últimos dous ou tres anos, dependendo da categoría, e "desprezando o papel que puidesen ter xogado na creación do tecido teatral galego".

"Historia polo chan"

Todo isto provocou que na resolución da convocatoria de 2020 varias compañías cunha traxectoria profesional de máis de tres décadas –así como outros proxectos cun equipo profesional moi experimentado– quedasen fóra.

É o caso de Teatro do Noroeste. Desde este grupo, Eduardo Alonso, quen fora o primeiro director do Centro Dramático Galego e actualmente vicepresidente da Academia Galega de Teatro, explica a Nós Diario como "as que eran as nosas fortalezas –un elenco consolidado, de renome, e unha longa traxectoria– deixaron de contar". As formacións como a súa senten así "toda a nosa historia tirada polo chan".

"As que eran as nosas fortalezas –un elenco consolidado, de renome, e unha longa traxectoria– deixaron de contar", di Alonso

Tanxarina, proxecto con 38 anos ás súas costas, atópase nunha situación semellante. Eduardo Rodríguez Cunha 'Tatán' sinala a importancia de apoiar a entrada das novas fornadas, mais sen esquecer as que levan moitos anos na estrutura teatral, dous aspectos que non terían por que ser excluíntes.

"Hai unha liña específica para nova creación", apunta Alonso. Mais esta tampouco atende as necesidades da realidade do sector. "Moitas veces saen da ESAD [Escola Superior de Arte Dramática], crean compañías para unha produción, sen vontade de que duren anos", explica Cunha. As bases de Agadic tampouco se adaptarían a este modelo.

A comisión

O proceso deixa nas mans dunha comisión –escollida pola propia Agadic– a valoración subxectiva do equipo artístico, sen baremos específicos fóra de epígrafes moi xerais e sen que a resolución poida "ser discutida sobre bases obxectivas", denunciaba a AGT. Aliás, segundo Alonso, estas persoas concretas adoitan ser difíciles de nomear, pois non é un cargo popular no sector.

Doutra banda, conta que o espectáculo que presentaba Noroeste (Último verán en Santa Cristina) era un texto que reflexiona sobre a memoria histórica. Algo que puido ou non ter que ver coa escolla da comisión, mais que en todo caso deixa suxeito a criterios moi individuais que poden ser especialmente pouco propensos a admitir certas propostas incómodas.

Noroeste presentouse a todas as convocatorias deste ano, pero só recibiu axuda na de reactivación logo da pandemia, para espectáculos que xa estaban en curso, "casualmente" a única que non se decide por comisión, senón con puntos obxectivos.

Se queres continuar a ler esta reportaxe, só tes que mercar o Nós Diario desta sexta feira nos quiosques ou na nosa loxa online. Para non ter que dar máis voltas, podes facer de maneira ben sinxela a túa subscrición!

Comentarios