Denuncian que 80 anos despois do asasinato de Ánxel Casal “os símbolos dos asasinos continúan en Compostela”

O Centro Social A Gentalha do Pichel pide por escrito a Concello, ADIF, Correos, Arcebispado e Universidade a retirada “inmediata” da simoboloxía franquista que permanece nestas cinco entidades.

escudo franquista facultade químicas usc
photo_camera Escudo franquista na Facultade de Químicas da USC

O 19 de agosto de 1936 era asasinado en Cacheiras (Teo) Ánxel Casal, editor, membro do Partido Galeguista (PG) e alcalde de Santiago Compostela. Oitenta anos despois, na cidade que democraticamente o elexiu como alcalde e cuxo mandato tronzou un golpe de estado franquista “a simboloxía dos asasinos continúa” a ter presenza en rúas e espazos públicos. De aí que o centro social A Gentalha do Pichel se dirixise por escrito ás cinco entidades que manteñen esta simboloxía para lles exixir a retirada da mesma: ADIF, Concello, Universidade, Arcebispado e Correos e Telégrafos. “Som precisamente entidades públicas as que mantenhem um completo catálogo de símbolos da dictadura que há tempo que tinham que ter sido retirados , pois a conservaçom de aqueles em propriedades privadas, mesmo à vista da via pública, está amparada pola infame “lei da memória”, indica A Gentalha nun comunicado.

No escrito a Correos e Telégrafos a Comissom de História deste centro social lamenta que este organismo “persista teimosamente” en non retirar un escudo franquista que hai na Rúa do Franco, na sede principal de Correos e Telégrafos. Á Universidade de Compostela recrimínalle que manteñan na fachada da Universidade de Químicas, no Campus Sur, un escudo de “exaltaçom franquista”. Na mesma liña, diríxese a ADIF para denunciar que “oculte” mais non retire o escudo franquista que hai baixo as escaleiras que dan acceso á estación de tren. Tamén ao Concello indica A Gentalha que remitiu un escritopara pedir a retirada da simboloxía franquista. Ao Bispado de Compostela lémbralle que mantén un escudo franquista en San Martiño Pinario, así como inscricións de homenaxe a golpistas noutros edificios relixiosos.

A Gentalha lembra que no artigo 15.1 da Lei 52/2007 establécese que as administracións públicas tomarán as medidas oportunas dentro das súas competencias para retirar a simboloxía franquista. 

Comentarios