A burocracia na Galiza como barreira contra a saída da pobreza

23% da poboación que reside na Galiza atopouse en 2018 en risco de pobreza, unha cifra que revela que case un cuarto dos habitantes do noso territorio, máis de 621.000 persoas, sufriron estas circunstancias o pasado ano. Daniel Bóveda, vicepresidente de EAPN-Galiza, explica a Sermos Galiza que un dos maiores problemas que están a ter para atallar a problemática da pobreza na Galiza ten que ver cunha excesiva burocracia do sistema.

Intervención de Daniel Bóveda, vicepresidente de EAPN-Galiza  [Imaxe: Sermos Galiza]
photo_camera Intervención de Daniel Bóveda, vicepresidente de EAPN-Galiza [Imaxe: Sermos Galiza]

23% da poboación que reside na Galiza atopouse en 2018 en risco de pobreza, unha cifra que revela que case un cuarto dos habitantes do noso territorio, máis de 621.000 persoas, sufriron estas circunstancias o pasado ano. Estes datos, publicados 16 de outubro pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza (EAPN), presentáronse esta quinta feira 17 canda unha declaración institucional do Parlamento Galego na Valedoría do Pobo.

Daniel Bóveda, vicepresidente de EAPN-Galiza, explica a Sermos Galiza que un dos maiores problemas que están a ter para atallar a problemática da pobreza na Galiza ten que ver cunha excesiva burocracia do sistema. “Os expedientes teñen unha excesiva duración, ben desde as axudas municipais ben desde Risga que impide que estas persoas poidan comezar un proceso de inclusión”, asegura Bóveda, “moitas veces estas medidas de emerxencia chegan tarde”.

A Rede Europea contra a Pobreza non descarta que a situación empeore na Galiza cunha nova crise

Desde EAPN asumen o seu papel de axente mediador coas administracións públicas mais botan en falta que “a política social veña de maneira transversal coa implicación das consellarías de Industria, Facenda ou Vivenda e Solo”.

Daniel Bóveda avisa de que “non baixou a situación de pobreza xeral, tememos que se volve outra situación de crise estas persoas caían outra vez”.

Declaración institucional do Parlamento galego

Con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza o Parlamento galego realizou unha declaración institucional que contou co apoio de todos os grupos políticos. Nela reiteran “a necesidade urxente de seguir avanzando na loita contra a pobreza extrema na que aínda hoxe malviven 1.400 millóns de persoas”.

Sinala esta declaración que “é urxente e vital para o futuro da Galiza evitar a transmisión interxeracional da pobreza”. Alertan tamén que “asistimos a unha crecente evolución dos prexuízos, estereotipos, intolerancia e até desprezo ás persoas en risco de pobreza ou exclusión”.

Para o Parlamento galego “as persoa non son culpábeis da súa pobreza” e “os poderes públicos temos a responsabilidade de garantir a igualdade de todas e todos os cidadáns poñendo en marcha as medidas necesarias para reducir as desigualdades sociais, combater a discriminación e favorecer o respecto, a tolerancia e a participación activa das persoas”.

Comentarios