As eleccións británicas do xoves salientan tanto pola non agardada maioría absoluta dos tories de Cameron no conxunto do Reino Unido (331 s/650 escanos con só un 36.9% dos votos ) como polo esmagante trunfo do Partido Nacional escocés (SNP) na Escocia, onde gañou 56 dos 59 escanos.
O SNP fundouse no 1934, acadando moi baixos resultados ate que no 1974 definiu unha estratexia nidiamente socialdemócrata que lle deu un terzo dos votos e 11 escanos, a mellor votación para Londres que obtivo até este día. Conservadores e laboristas fixeron o imposíbel para desprestixiar as propostas do SNP e mesmo chegaron agachar a riqueza que o petróleo escocés lle xeraba ao reino Unido. No 1978 o referéndum para a autonomía escocesa fracasou ao non acadar o “yes” o 40% do censo, malia gañar en votos e o SNP esmoreceu, mentres os gobernos de Mrs Thatcher mallaban na estrutura social e industrial escocesa.
"No 2017, o SNP podería pedir un novo referéndum se Cameron insiste no que quere convocar para sair da UE".
Blair obtivo unha grande vitoria no 1997, nomeadamente polo voto escocés. Votouse outravolta a “devolution” e gañou o "yes” de xeito hexemónico. Mais o SNP, xa dirixido por Alex Salmond, desenvolveu unha politica socialdemócrata e de proximidade, que priorizaba a defensa da sanidade pública e dos servizos sociais e que afondaba nas propostas ecoloxistas e feministas do partido. Ao tempo, a defensa do emprendemento empresarial convertíase en parte inseparábel da súa proposta. . No 2006 o SNP gañou con maioría relativa as eleccións ao Parlamento autónomo e puido desenvolver- á fin e con grande éxito- o seu programa, coa axuda do Partido verde. Velaí o grande trunfo das eleccións autonómicas do 2011, onde acadou 69 dos 129 escanos do Parlamento de Holyrood, malia prometer un referéndum pola independencia.
Salmond pagou coa súa demisión a derrota dese referéndum (55% do non fronte ao 45% do si), mais a cidadanía escocesa comprobou axiña que os partidos estatais non estaban dispostos a outorgar o incremento substancial do autogoberno que prometeran. A nova first minister Nicola Stugeon foi unha boa remuda e acadou este éxito electoral, que converte o SNP no partido hexemónico da Escocia. No 2017, o SNP podería pedir un novo referéndum se Cameron insiste no que quere convocar para sair da UE.