Opinión

O exemplo do María Casares

Hai iniciativas sociais que chaman a atención pola súa imaxinación, pola súa creatividade e pola súa eficacia social. Velaí a do profesor Nel Vidal do I.E.S. María Casares no concello de Oleiros, na área urbana coruñesa, co gallo deste Día das Letras.

Nel Vidal constatou o baixísimo uso da nosa lingua nos 600 alumnos do Instituto, en total comparanza co ambiente galegofalante no seu anterior destino nun Centro de Carballo. E propuxo un contrato coa lingua nunha dupla variante: o compromiso co galego (48 horas falando galego no ambiente escolante) e o compromiso co galego plus (estender o uso do galego nesas 48 horas ás actividades todas da vida). Máis de 200 alumnos comprometeron a súa sinatura e adobiaron este compromiso de moitos outros esforzos que xeraron un ambiente moi positivo arredor das ideas de unidade do grupo e identidade.

A ruptura da cadea de transmisión lingüística é a responsábel da gravísima situación de base que quixeron contribuír mudar no María Casares, mais este grandísimo suceso de mobilización social non tería sido posíbel sen algunhas cousas que están aí e, sen nos decatar, constitúen recursos para unha política lingüística a prol do galego: a presenza continuada da lingua, malia que limitada, no ensino, unha actitude familiar que puido demitir da súa responsabilidade na cadea de transmisión, mais segue a ser aberta ao uso do galego como algo propio e máis uns recursos lingüísticos (limitada, mais real presenza nas redes sociais e nalgúns media, certa produción literaria e científica …) que non tiñamos hai corenta anos.

Canda un claro modelo de inmersión lingüística no ensino e a máis rigorosa esixencia coas institucións, a política de promoción do galego a respecto da xente ha ser amábel, intelixente, flexíbel, sedutora, creativa e imaxinativa. Porque precisamos que abrolle esa forza telúrica de reivindicación patria do propio que se manifesta moitas veces na nosa xente. E porque, créanmo vostedes, case ninguén quere voltar á escola nin que lle rifen.

Dentro de pouco máis dun ano é probábel que unha alternativa plural substitúa Feijoo e o PP na Xunta. Mais con ser fulcrais os recursos económicos e o certo poder que dá o noso limitado autogoberno será esencial construír sociedade civil e cidadanía lingüísticas. Como ben fixeron Nel Vidal e centos de rapaces e rapazas de Oleiros. Porque, como dixo a alumna Paula Lemos “haberíamos empezar falar galego de pequenos, na casa…”.

Comentarios