Exdirectivo de NCG di na Audiencia que fixo un favor á caixa ao capitalizar a súa indemnización millonaria

Francisco Javier García de Paredes é o primeiro dos 5 exdirectivos da entidade en comparecer na AN por delitos de administración desleal ou apropiación indebida por 8 millóns de euros en concepto de prexubilación
García de Paredes
photo_camera García de Paredes

Francisco Javier García de Paredes foi o primeiro dos cinco exdirectivos de Novacaixagalicia en comparecer na Audiencia Nacional. Fíxoo esta segunda para declarar durante case tres horas perante o xuiz Ismael Moreno. Estes altos cargos están acusados dun delito de administración ilegal ou apropiación indebida por perto de 8 millóns de euros en concepto de xubilacións. Nos vindeiros días comparecerán na AN Fernández Gayoso, Rodríguez Estrada, Pego Alonso e Gorriarán Laza.

García de Paredes non quixo facer declaracóns após declarar perante o xuíz. Fíxoas, iso si, un avogado da acusación, que afirmou que o ex alto-cargo de NCG declarou que fixo un favor á entidade financeira ao capitalizar a indemnización. Novacaixagalicia escolleu esta fórmula para aforrar pola volta dun millón de euros, que corresponderían á actualización do salario e a un seguro para facer fronte á garantía de pagamento.

O único que renunciou

García de Paredes foi o único destes cinco ex-altos cargos que renunciou a parte dos cartos, mais esa devolución está paralizada pola investigación en curso da Fiscalía Anticorrupción.

A raíz do acordo de fusión de Caixa Galicia e Caixanova, en maio de 2010, e a solicitude de apoio financeiro ao FROB, estes cinco altos ex-directivos comezarían a preparar a súa saída, acordando uns contratos e prexubilacións de cuxo importe non tería coñecemento o consello de administración. Estas decisións irían, ademais, en detrimento do propio patrimonio da entidade financeira.

"Que se investigue a fondo"

Clodomiro Montero, secretario nacional de CIG-Banca, lembraba hai unha semana que a citación da Audiencia Nacional producíuse a raíz da denuncia presentada no seu momento polo sindicato nacionalista perante a fiscalía xeral do estado por estes feitos. De aí a estrañeza, apuntaba Montero, polo feito de que a Audiencia Nacional "non nos cite como parte".

O sindicato incidía en que esta citación ten que ir máis alá "e a investigación non debe quedar circunscrita só a estes cinco ex-directivos e os seus contratos, "senón que hai que afondar en que foi a xestión das caixas galegas".

Montero ten claro, a respecto deses cinco ex altos directivos de NovaCaixaGalicia, que "son todos os que están, mais non están todos os que son", e afirmaba que en momentos en que se está a falar dun novo rescate para a banca hai que abordar cuestións como o futuro de NGB e o seu cadro de persoal e os e as afectadas polo calote das preferentes.

Comentarios