O proceso de reestruturación bancaria tivo varias consecuencias, entre elas, e non menor, o fechamento de entidades financeiras. Sabémolo ben na Galiza, un país cunha poboación dispersa e onde, entre 2008 e 2016, botaron o fecho 936 oficinas bancarias. É dicir, o 37% das existentes. Temos agora 1.603 sucursais, as mesmas que había a finais da década dos 70. Se en 2008 a nosa ratio era de 9,2 oficinas por cada mil habitantes, agora é de 6. Unha tesoirada que se realizou, nomeadamente, a costa do rural e, nas cidades máis poboadas, daqueles barrios máis golpeados pola crise.
É importante ter estes dados en mente para entender un problema que ao longo destes anos vai a máis e que mesmo xa motivou que a Comisión Europea se tivera que pronunciar: a exclusión financeira. Falamos de exclusión financeira para nos referir a aquela xente que fica á marxe ou ten dificultades para acceder ao uso de servizos e produtos financeiros. O economista Joaquín Maudos, nun dos estudos máis completos sobre exclusión financeira, cifraba en 2015 en 41 concellos e máis de 61 mil persoas as que se atopaban nesta situación na Galiza. En apenas un lustro aumentaron en 57% os municipios galegos nesta situación e o número de galegas e galegos atinxidos pola mesma incrementou nun 200%.
[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 252, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]