Opinión

Excéntrica

Comezo esta nova andaina xonalística en Nós, despois de ter participado noutras publicacións como Vieiros, A Nosa Terra e Sermos Galiza en letra escrita, e Diario Cultural, en crónicas radiofónicas. Case vinte anos dándolle ás teclas, expresando as miñas opinións dende o meu punto de vista de exiliado cultural. Foi así que cando me propuxeron pór nome a esta columna que hoxe estreo decidín chamala “excéntrica”, non por ter mudado eu de sexo (non se me pasou pola cabeza) senón para definir a columna como afastada do centro, pois así é como eu vivo dende hai unha morea de anos (trinta e un), illado en Flandes e lonxe do meu centro de interese orixinal (Galiza). Hai outros, mais polas raiceiras que eu aí aínda teño e pola cultura que atesouro, o meu centro (que non periferia) é  Galiza.

Coido en pensar que sempre expresei o que pensaba coa visión (paralaxe incluída) que me é propia, e coa liberdade que me fora outorgada coma una dádiva polos editores dos medios para os que traballei. Hoxe quero render tributo a todos eses editores indómitos por terme permitido esta actividade, nin sempre merecedora de recoñecemento, que é a de pór en negro sobre branco o que son as miñas coitas, os meus pensamentos e as miñas querenzas. Se estas as miñas colaboracións foron de gusto ou non, non é a min a quen cómpre valorar. Así e todo, a reiteración da chamada éncheme de orgullo e responsabilidade, en cantidades alícuotas para termar eu nestas liñas que hoxe comezan e as que virán.

Esta columna ten marcado, dende agora mesmo, dous límites, un de inicio e outro de final. O do inicio está ben claro, hoxe como primeira entrega neste xornal Nós, de longa xestación e recente aparición no colonizado sistema xornalístico galego. O límite final corresponde ao momento en que eu deixe de vivir en Flandes, que será por volta da fin do 2020. Entrementres, visitareinos cada venres, desexándolles ao xornal e aos seus lectores longa e próspera andaina e, por descontado, que sexan felices.

Comentarios