Un ex de Novagalicia Banco toma os mandos do Sabadell

César González-Bueno será nomeado conselleiro delegado do Sabadell en substitución de Jaime Guardiola.
César Gonzalez-Bueno e José María Castellano durante a súa etapa á fronte de Novagalicia Banco.
photo_camera César Gonzalez-Bueno e José María Castellano durante a súa etapa á fronte de Novagalicia Banco. (Foto: Arquivo)

César González-Bueno, man dereita de José María Castellano en Novagalicia Banco, a entidade resultante da fusión das antigas caixas de aforro galegas, está destinado a tomar os mandos dunha das entidades chamada a protagonizar o baile de fusións no sector bancario. 

O ex conselleiro delegado de Novagalicia Banco, peza activa na súa privatización e reestruturación e responsábel da creación de EVO Banco con parte dos activos das antigas caixas, someterá a votación e ratificación o seu nomeamento para ocupar o cargo de conselleiro delegado do Sabadell na xunta xeral de accionistas convocada para o vindeiro 26 de marzo. 

Segundo informou Banco Sabadell á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a orde do día tamén recolle a aprobación da modificación dos estatutos sociais do Sabadell coa intención de reflectir un novo esquema de goberno corporativo e a adaptación á revisión do Código de Bo Goberno das sociedades cotizadas de xuño de 2020.

Un dos cambios máis relevantes será a modificación das funcións do actual presidente, Josep Oliu, e do conselleiro delegado, que a partir dese día será González-Bueno en substitución de Jaime Guardiola.

Oliu deixará de contar con funcións executivas unha vez finalice este primeiro trimestre do ano. Segundo indicou na rolda de prensa da presentación de resultados do exercicio 2020, foi el mesmo quen propuxo ao consello que o cambio de modelo se realizase agora, como consecuencia da sucesión do CEO.

Ademais, este novo modelo permitirá ao banco aliñarse coas recomendacións da Autoridade Bancaria Europea para limitar as funcións executivas da presidencia.

Como é habitual neste tipo de citas, as persoas accionistas tamén terán que dar o seu visto bo á política de remuneracións dos conselleiros, ao límite máximo da retribución variábel, así como aos informes de xestión, as contas anuais e o documento do Estado de información non financeira, entre outros.

No caso de ser ratificado, González-Bueno pasará a ter os mandos do Sabadell, banco ao que chegou desde ING para exercer como conselleiro non executivo da filial británica TSB, en proceso de venta, nun momento complicado, marcado polo seu frustrado intento de fusión co BBVA

Comentarios