Greenalia ficha a ex conselleira Beatriz Mato

Mato será tamén a responsábel de desenvolvemento corporativo e RSC na empresa galega de renovábeis.
mato
photo_camera Beatriz Mato con Núñez Feixoo

Hai unhas semanas, a ex conselleira de Medio Ambiente e candidata a alcaldesa da Coruña polo Partido Popular nas pasadas eleccións, Beatriz Mato, anunciaba a súa retirada da vida política. Agora, a ex parlamentaria do PP decide dar o salto á empresa privada e faino da man da cotizada galega Greenalia. Unha porta xiratoria en toda regra.

Segundo avanzou a compañía nun comunicado, Beatriz Mato incorpórase ao cadro de persoal de Greenalia para poñerse á fronte do departamento de Desenvolvemento Corporativo e RSC (Responsabilidade Social Corporativa) da firma de renovábeis, pero tamén encargarase da creación e posta en marcha da Fundación Greenalia, que contan con que estea en funcionamento no primeiro semestre do ano. 

Na súa nova etapa na empresa privada, a ex conselleira poderá facer usos dos coñecementos adquiridos ao seu paso polo departamento de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do Goberno galego para marcar as directrices nesta materia dentro da compañía. 

Greenalia, que vén de conectar á rede os seus primeiros desenvolvementos eólicos e que "nos vindeiros días" conta con facer o mesmo coa planta de biomasa de Curtis, cotiza no Mercado Alternativo Bursátil (MAB), onde xa destaca como unha das principais firmas por capitalización, con máis de 200 millóns de euros. 

Segunda etapa na privada

Para Beatriz Mato, enxeñeira industrial con especialidade en Organización Empresarial, pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais de Bilbao, non será a súa primeira incursión no ámbito da empresa privada, xa que antes de dar o salto a política traballara como técnica de sistemas para a multinacional IBM e como enxeñeira de calidade para Norcontrol (actual Applus).

En política, Mato traballou para o Igape, de delegada de Pesca na Coruña e voceira de Traballo do PPdeG. Parlamentaria pola provincia da Coruña desde 2005 até o presente exercicio, tamén foi conselleira de Traballo e Benestar.

Comentarios