Imprimir

Eutanasia e coidados paliativos: dúas realidades con distintas necesidades

Susana Rois | 13 de febreiro de 2020

Concentración na defensa da eutanasia (Europa Press)
Concentración na defensa da eutanasia (Europa Press)
A despenalización da eutanasia chegou ao Congreso para dar resposta a un debate social aceptado, mais tamén a unha demanda e a un desexo reais expresados pola cidadanía. No marco desta nova andaina lexislativa os  coidados paliativos atenden dous dereitos distintos, con carencias e exixencias diferentes.

Eutanasia e coidados paliativos. Son dúas cuestións distintas, dúas respostas diferenciadas que atenden a necesidades particulares. Segundo as fontes expertas consultadas por Nós Diario, ambas son dereitos adquiridos polas persoas, froito da carencia e do consenso social, mais tamén dun longo "exercicio de concienciación e de loita cidadá para que se levaran a cabo", explica Miguel Anxo García, psicólogo clínico do Hospital Clínico Universitario de Santiago. García defende que eutanasia e coidados paliativos non teñen unha relación directa. "Responden a dúas realidades diferentes. A eutanasia recoñece o dereito das persoas con capacidade para decidir sobre si mesmas e sobre a continuidade da súa vida". Tal e como se definiu, salienta, "é tan só un primeiro paso para o seu recoñecemento pleno, xa que non contempla moitos supostos que si se consideran noutros países do mundo". 

Os coidados paliativos, apunta Miguel Anxo García, aseguran o dereito das persoas a controlar e mitigar o seu sufrimento. "Poden non ser capaces pero teñen todo o dereito a reducir o seu sufrimento, unha necesidade que leva aparellado o deber da comunidade sanitaria de atendela con todas as garantías".

Coidados paliativos desde a Atención Primaria

As unidades de coidados paliativos especializadas dos hospitais son os servizos de referencia para as enfermas terminais que necesitan calmar a sintomatoloxía propia do final da vida. "Un proceso angustioso, para as doentes e para os seus achegados, que atopa un alivio nos coidados paliativos", sinala Miguel López del Pueyo, médico de familia en Muros.

Nun contorno rural, a onde non chegan os equipos especializados de coidados paliativos nin os servizos de Hospitalización a Domicilio (HADO), son as e os médicos de familia quen se encargan de darlles estes coidados específicos a doentes terminais ou en fase de agonía. "É importante saber poñerlle límite á asistencia curativa para darlle paso á atención paliativa. Nese momento, aliviar, consolar e acompañar cobra unha relevancia maior e forma parte dunha resposta humana necesaria máis aló da obriga médica", sostén López del Pueyo.

A Atención Primaria reivindica a asunción da asistencia en coidados paliativos de forma prioritaria xa que os médicos de familia somos "o persoal máis próximo e quen mellor coñecemos as nosas pacientes". Unha afirmación do facultativo de Muros que referenda Jóam Casas, médico de familia na Baña. "Os coidados paliativos non son exclusivos  das unidades de hospitalización nin dos equipos HADO. A onde non chegan imos nós", incide. "Sempre que podemos e se dan as condicións necesarias atendemos as persoas no seu domicilio, e facémolo con todas as garantías e toda a calidade malia a sobrecarga do sistema sanitario".

Neste sentido, recoñece, hai marxe de mellora, ao igual que o hai no eido da formación especializada, "se ben, os casos que requiren unha atención especializada, polas súas dificultades técnicas ou porque así o desexa a paciente, derivámolos ao hospital de referencia", aclara.

Confusión interesada

Jóam Casas defende que o intento de confundir eutanasia e coidados paliativos ten unha motivación interesada pero non xustificada. "Son dúas prestacións ben diferenciadas", di, e desde o punto de vista médico non ofrece dúbidas, xa que non responden ás mesmas necesidades das persoas. "Os coidados paliativos non resolven o problema dunha persoa sen expectativas de mellora  -afirma Casas- nin a despenalización da eutanasia obriga a ninguén a acollerse a esa posibilidade".

Ao respecto, Miguel López del Pueyo pon o acento no respectoao principio de benestar da doente e na eutanasia. "Gústame incidir en que non é un fallo dos coidados paliativos, e a despenalización non implica o seu menoscabo".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube  

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/eutanasia-coidados-paliativos-duas-realidades-distintas-necesidades/20200213131719091334.html


© 2020 Nós Diario