Euskal Herria fai fronte cunha Folga Xeral aos responsábeis da crise e da súa xestión

A xornada convocada pola maioría sindical vasca ten un amplo seguimento en ensino, industria e administración, para alén dunha notábel incidencia en servizos, transportes e comercio
Folga en Iruña. Foto: Diario de Navarra
photo_camera Folga en Iruña. Foto: Diario de Navarra

Euskal Herria vive esta cuarta feira a súa quinta folga xeral nestes tres anos e medio (e a 13ª  da democracia). Convocada por LAB, ELA, ESK, STEE-EILAS, EHNE, Hiru, CGT, CNT e ducias de organizacións e colectivos sociais, a xornada de paro en Gipuzkoa, Bizkaio, Araba e Nafarroa, está a ter un amplo seguimento en sectores como o ensino (o paro supera o 75%), industria (nos cinturóns industriais e polígonos a actividade é nula ou moi baixa) e administración. Desde os convocantes tamén se destaca que hai unha resposta moi positiva en sectores como o transporte, os servizos ou o comercio.

"Esta é unha folga contra a ditadura económica e os seus colaboradores", inciden desde LAB.

A Folga Xeral, que veu precedida nas semanas anteriores dunha ampla campaña de mobilización en centros de traballo e rúas de vilas e cidades, está a ter a súa principal incidencia en Gipuzkoa, afirman sindicatos como LAB. Nesta provincia, o paro é moi amplo en case todos os sectores, e mesmo nas vilas do interior do herrialde "o aspecto é como o dun domingo a primeira hora da mañá", segundo relatan testemuñas a diferentes medios de comunicación vascos.

En Bizkaia, en comarcas como Lea-Artibai (con vilas como Ondarroa, Lekeitio,..) ou Duranguesado, o seguimento da folga é moi alto. Na costa, o paro tamén se deixa notar na actividade pesqueira, con barcos amarrados a porto e lonxas pechadas. Tamén en Bilbo e na Marxe Esquerda houbo un importante seguimento da folga. En Araba, nas principais empresas (Michelin, Mercedes) o seguimento foi notábel. E en Nafarroa, a parte norte da provincia e Iruña (Pamplona) e o seu cinturón industrial seguiron "masivamente", segundo a propia prensa navarra, o paro. 

A nivel político, só a coalición EH Bildu apoia claramente a xornada de folga xeral

Máis de 5.000 ertzainas despregados

O goberno vasco realizou para esta xornada un despregue policial que inclúe 5.000 ertzainas. Número ao que hai que engadir os centos de garda civís e policías estatais despregados en Nafarroa.

A xornada de folga está a se desenvolver coas características propia dunha xornada de combate "polos dereitos da clase traballadora e da cidadanía de Euskal Herria e contra os responsábeis desta crise e da súa xestión, a costa dos máis febles", como sinalan desde LAB e ELA. Para alén de varias cargas de antidisturbios (perante El Corte Inglés en Iruña foi unha delas, ou unha especialmente virulenta na estación de autocarros desta cidade) e de diversos incidentes (barricadas, cortes de estrada...), a media mañá eran catro as persoas detidas polas forzas de seguridade en relación coa Folga.

O deputado de Amaiur Sabino Cuadra foi batido pola Policía española en Iruña

A nivel político, só a coalición EH Bildu apoia claramente a xornada de Folga Xeral. De feito, concellos gobernados pola esquerda abertzale, así como deputación e outros organismos públicos, pecharon as portas neste 26-S.

"Non estamos dispost@s a que nos machaquen"

Nunha primeira valoración, feita a media mañá, os convocantes cualificaron de "moi positiva" a resposta da cidadanía vasca á Folga Xeral. Ao longo do día realizaranse varias manifestacións, tanto nas grandes cidades (Bilbo, Donosti, Gasteiz e Iruña) como nas comarcas, estas xa pola tarde.

Sindicatos e organizacións sociais inciden na necesidade desta mobilización "para facer fronte aos responsábeis desta crise e aos que a están a xestionar en contra das maiorías sociais" e afirman que a imaxe que hoxe vai dar Euskal Herria vai ser a de "que non estamos dispost@s a que nos machaquen".

"Esta é unha folga contra a ditadura económica e os seus colaboradores", inciden desde LAB. 

Comentarios