Euskal Herria para coa folga xeral convocada pola Carta de Dereitos

Euskal Herria érguese nunha xornada de folga xeral esta cuarta feira, 30 de xaneiro, sob a convocatoria da Carta de Dereitos Sociais a prol de traballo, pensións e condicións de vida dignas. 
Acto desenvolvido polos sindicatos para difundir a greve (Imaxe: ELA)
photo_camera Acto desenvolvido polos sindicatos para difundir a greve (Imaxe: ELA)

A xornada de greve convocada pola Carta de Dereitos Sociais de Euskal Herria decorre esta cuarta feira, 30 de xaneiro, en toda Euskadi e Nafarroa baixo o lema "Traballos, vidas, pensións dignas". As traballadoras e traballadores están chamados a parar e a unirse nas 101 mobilizacións que hoxe se realizarán nas catro capitais e en numerosos concellos desta nación. 

Máis de 1.200 comités de empresa implicáronse nos preparativos da folga e organizáronse 170 comités de folga coa participación de sindicalistas e membros de múltiples movementos sociais ao longo do territorio vasco e navarro.

A Carta de Dereitos

A convocatoria partiu das loitas que o colectivo de pensionistas leva encabezando desde hai anos en Eukal Herria a prol de prestacións dignas. Este movemento, xunto a entidades sociais que van desde o campo ambientalista, ao estudantil ou o feminista, conformaron a Carta de Dereitos de Euskal Herria coas centrais sindicais soberanistas ELA e LAB, o sindicato ESK e o Steilas, do profesorado; o EHNE, da xente labrega; e coa organización de transportistas HIRU. Sindicatos das nacións galegas e catalás, así como organizacións andaluzas, valencianas, madrileñas, estremeñas ou de Aragón amosaron respaldo á greve. 

Desde a Carta de Dereitos denunciaron no día de onte de "abusivos" os servizos mínimos ditados pola Administración e anunciaron que farán protagonistas das mobilizacións as persoas que "non van poder estar", en alusión a colectivos que non poidan ir á folga como "empregadas do fogar, falsas autónomas, bolseiras, sen papeis...". Mediante siluetas, as centrais sindicais reivindicarán as súas ausencias das mobilizacións.

Reivindicacións

Tal e como resaltaron a Nós Diario as portavocías dos sindicatos vascos Mitxel Lakuntza (ELA), Igor Arroyo (LAB) e Ana Pérez (Steilas), no número publicado o pasado sábado 25 de xaneiro, as reivindicacións principais desta folga versan sobre o estabelecemento da xornada laboral en 35 horas semanais, a defensa do sistema público de pensións e elevar a prestación mínima a 1.080 euros, así como pór o salario mínimo interprofesional (SMI) en 1.200 euros. A derrogación das últimas reformas laborais é para a Carta "prioridade absoluta".
 

Comentarios