Euskadi inicia a campaña electoral sumando 3 novas competencias

Apenas media hora foi necesaria para asinar as tres transferencias previstas nunha reunión por videoconferencia entre os Gobernos de Madrid e de  Gasteiz.

Traspaso de competencias entre Euskadi e Estado.
photo_camera (Europa Press)

A partir de agora, Euskadi xestionará as axudas previas á xubilación ordinaria a persoas afectadas por ERE, a execución da lexislación sobre os produtos farmacéuticos e as prestacións sanitarias do seguro escolar.

A reunión da Comisión Mixta de Transferencias realizouse na mañá desta quinta feira por videoconferencia e en media hora déronse por pechadas as  transferencias.

Este acto ía celebrarse inicialmente de forma presencial en Madrid con maior despregamento mediático. Pero a súa organización modificouse despois de que EH  Bildu fixese unha consulta á Xunta Electoral do País vasco sobre a reunión e esta, sen tomar medidas para anulalo, lembrase cales son as limitacións legais neste período.

O encontro foi  copresidido polo conselleiro de  Gobernanza Pública e Autogoberno, Josu  Erkoreka, e a ministra de Política Territorial e Función Pública, Carolina  Darias.

As tres competencias transferidas foron valoradas en 7,5 millóns de euros dos que o Goberno vasco descontarase do cupo, anualmente, o 6,24%.

Desde hoxe quedan transferidas a Euskadi as funcións e servizos para a xestión das axudas previas á xubilación ordinaria a persoas traballadoras afectadas por expedientes de despedimento colectivo. Tamén os medios adscritos á xestión das prestacións sanitarias do Seguro Escolar. E, ademais, a execución da lexislación sobre produtos farmacéuticos, entre outros puntos a publicidade dos mesmos.

Galiza, 0 trasferencias en 11 anos

A Galiza segue agardando no apeadeiro sen subir ao tren das nacións. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, leva 11 gobernando, dúas lexislaturas, mais na súa mochila ten cero competencias transferidas de Madrid á Galiza. 

Porén, parece que os anos de Goberno non pasaron e onte, na presentación do programa electoral en Santiago, Feixoo enumerou 15 puntos sobre transferencias que agora se compromete a lograr, como "un acordo sobre museos, bibliotecas e arquivos de titularidade estatal, bolsas e axudas ao estudo, inspección de traballo, servizos meteorolóxicos, a cesión da titularidade dos inmóbeis da Seguridade Social, sanidade penal e a titularidade das autoestradas AP-9 e AP-53. 

Comentarios