Política

Euskadi declara a "alerta sanitaria" polo coronavirus e recoñece que "o peor" aínda non pasou

O lehendakari, Iñigo Urkullu, pide "un esforzo extraordinario" á cidadanía ante a gravidade da situación polo coronavirus.
Consello extraordinario do Goberno de Euskadi (Europa Press).
photo_camera Consello extraordinario do Goberno de Euskadi (Europa Press).

O Goberno de Euskadi aproba unha Declaración de de Alerta ou Emerxencia Sanitaria, unha medida que abre a porta á adopción de medidas como o confinamento de persoas nos seus domicilios, a restrición do acceso a determinadas zonas, ou a limitación de servizos públicos ou do consumo de bens. "Aínda non pasamos o peor", advertiu o lehendakari, Iñigo Urkullu.

Urkullu incidiu na necesidade de aplicar medidas de "prevención e contención" e instou a facer "un esforzo extraordinario" a "cada persoa, familia e empresa" e, de modo especial, "ás traballadoras sanitarias". Non en van, a crise aberta polo coronavirus "constitúe un fito histórico" pola súa gravidade, consecuencias e duración no tempo.

Esta sexta feira o Consello do Goberno vasco mantivo unha reunión extraordinaria na que tamén se acordou activar un Plan de Protección Civil. Urkullu lembrou que o artigo 8 da Lei de Xestión de Emerxencias de Euskadi abre a porta á posibilidade de aplicar medidas "que afecten a dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptar medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios".

O devandito artigo sinala que entre esas posibles medidas, atópase "o confinamento de persoas nos seus domicilios ou en lugares seguros", a "evacuación ou afastamento das persoas dos lugares de perigo", a "restrición de acceso a zonas de perigo ou a zonas de operación", e "a limitación ou condicionamento do uso de servizos públicos e privados ou o consumo de bens".

Tamén se recolle neste artigo a posibilidade de "limitación ou prohibición de actividades en lugares determinados e obrigación de adoptar precaucións, prevencións ou comportamentos concretos".

Todas estas medidas, segundo se recolle nesta lei, e tal e como recalcou o propio Urkullu, terán unha vixencia "limitada estritamente ao tempo necesario para afrontar a emerxencia, deberán ser proporcionadas á entidade do risco e non darán dereito a indemnización algunha".

Comentarios