Euskal Herria

Euskadi debate sobre un novo Estatuto e o dereito a decidir

A Cámara vasca debaterá o borrador do novo Estatuto redactado por un grupo de persoas expertas por encomenda do propio Parlamento. EH Bildu entregará un documento propio.

Pleno do Parlamento vasco (cedida)
photo_camera Pleno do Parlamento vasco (cedida)

O dereito a decidir irá a debate no Parlamento vasco no marco dos borradores de texto do novo Estatuto de Euskadi. Estes documentos, que se apresentarán na Cámara a vindeira segunda feira 2 de decembro, están a ser elaborados por unha comisión de persoas expertas por encargo do propio Parlamento. O texto que se rexistrará nace das reunións de expertos propostos por PNV, PSE-EE e Podemos, mentres que EH Bildu apresentará unha ponencia diferente.

No campo nacionalista non se logrou unanimidade, ao revés do que si aconteceu a 23 de maio de 2018, data en que se acordou traballar na renovación do Estatuto de Gernika, que até o de hoxe non sufriu mudanzas. PNV e Bildu consensuaran daquela pular pola reivindicación soberanista e dotar dun novo status Euskadi baseándose no respecto mutuo co Estado español e na non subordinación a este. Eses foron as bases do acordo alcanzadas naquela data entre PNV e EH Bildu no Parlamento vasco.

A emenda do PNV vincula o exercicio da autodeterminación a un pacto co Estado

Desde entón configurouse unha comisión de persoas expertas para traballar no borrador no novo Estatuto, mais Bildu acusou o PNV de relaxar a reivindicación soberanista. A formación abertzale recrimina ao PNV que teña votado a prol da reivindicación do dereito a decidir na Cámara mais, ao tempo, introducise a través do seu experto proposto na comisión redactora, Mikel Legarda, unha disposición adicional segunda en que fai depender o exercicio da autodeterminación dun pacto co Estado.

En concreto, a emenda do PNV di sobre o dereito a decidir que «a plena realización dos Dereitos Históricos do pobo vasco, como manifestación institucional do seu autogoberno, se  exterioriza a través do dereito para decidir da súa cidadanía libre e democraticamente expresado, sendo o seu exercicio pactado co Estado".

A experta designada por Elkarrekin Podemos, Arantxa Elizondo, introduciu nesa mesma disposición unha reflexión onde non emprega o termo «dereito a decidir», mais si «dereito da cidadanía» para «expresar a súa vontade libre e democraticamente, sendo o seu exercicio legal e pactado co Estado». Mentres, desde o PSE-EE, o experto Alberto López Basaguren rexeitou ambas as formulacións de PNV e Podemos e apresentou un voto particular no que avoga por manter o «consenso alcanzado en 1979».

O borrador rexistrarase na Cámara esta segunda feira, mais aínda non está rematado xa que a comisión de persoas expertas reuniranse o propio 2 de decembro. A ela non acudirán representantes nin do PP nin de EH Bildu.

O xurista do PP, Jaime Ignacio do Burgo, exporá manter o actual Estatuto de Gernika,ao considerar que o borrador do novo Estatuto é un «Plan Ibarretxe II» e é "totalmente inconstitucional".

O documento de Bildu avoga pola capacidade de Euskadi para organizar referendos

A formación abertzale apresentará unha proposta propia, xa que entende que o documento que está a elaborar a comisión de expertas e expertos non se axusta ao pacto sobre as bases de novo status para Euskadi que hai un ano consensuaron co partido jeltzale.

No documento que preparou Bildu, á parte do que apresentarán as expertas e expertos de PNV, PSE e Podemos, o xurista Iñigo Urrutia expón que «os poderes públicos da Comunidade Estatal Vasca (o nome do Suxeito quedou aberto a debate nas bases) facilitarán a participación da cidadanía na vida política, económica, cultural e social».

Así mesmo, recolle que co obxectivo de «salvagardar e facer efectivo o dereito para decidir da cidadanía, as institucións vascas terán a potestade para regular e xestionar a realización de consultas populares e referendo, no que corresponde, tanto a asuntos políticos e sociais do seu ámbito competencial como ás relacións que desexen ter con outros territorios de Euskal Herria, co Estado español e outros espazos políticos europeos e internacionais».

Podemos e o PNV desbotan someter o texto a unha consulta vinculante antes do seu envío ás Cortes

A proposta de texto realizada pola comisión experta non recolle no articulado a realización dunha consulta habilitante sobre o novo Estatuto previo ao seu envío ás Cortes do Estado, tal e como si recollía nas bases acordadas polo PNV-Bildu.

Con todo, o PNV e Podemos si chegaron a un acordo no borrador para que a cidadanía poida expresar a súa opinión sobre o documento, unha vez aprobado no Parlamento vasco, aínda que o resultado non sexa vinculante. Desta forma, pulan por «habilitar procesos de participación cidadá na forma que prevexa o regulamento da Cámara, podendo, no seu caso, con carácter previo á remisión ás Cortes, consultarse, sen carácter vinculante, ao corpo electoral sobre a reforma aprobada». O experto elixido polo PSE-EE elaborou un voto particular discrepante.

Comentarios