Opinión

Europa séntese corrupta

Un sentimento de culpa abate toda Europa, toda a Europa da Unión. Si, esa que aplica as políticas máis neoliberais; esa que rouba os cidadáns para entregar o diñeiro aos banqueiros; a que deseña reformas laborais para mellor explotar a clase traballadora; a que privatiza os servizos públicos para crear exclusión social; a que cría pobreza e desigualdade e a iso lle chama “estado de benestar”

Un sentimento de culpa abate toda Europa, toda a Europa da Unión. Si, esa que aplica as políticas máis neoliberais; esa que rouba os cidadáns para entregar o diñeiro aos banqueiros; a que deseña reformas laborais para mellor explotar a clase traballadora; a que privatiza os servizos públicos para crear exclusión social; a que cría pobreza e desigualdade e a iso lle chama “estado de benestar”

Esta Europa sente de repente desexos de confesión, por máis que esa confesión careza do “propósito de emenda” necesario para que teña validez.

A Comisión Europea publicou, con data 3 de febreiro de 2014, o primeiro " Informe anticorrupción da Unión Europea" (UE). O informe céntrase na corrupción, no ámbito de cada Estado membro, e indica as cuestións de maior interese para cada Estado  e medidas adoptadas para a  previr e combater. Destínase a abrir o debate entre a Comisión, os Estados membros, o Parlamento Europeo e outras partes interesadas para apoiar as iniciativas de loita contra a corrupción e determinar como a dimensión europea pode contribuír a esta loita. 

"Preto de tres cuartos dos europeos (73 %) cre que as comisións e o uso de relacións persoais son moitas veces o xeito máis doado de obter un servizo público nos seus países".

Mais non pensen que son cuestións de ética as que moven a Comisión  a facer esta análise e estas propostas. Non, son cuestións económicas porque, segundo a Comisión, os custos para a economía europea son duns 120.000.000.000 € ao ano, case o mesmo que  o orzamento anual da UE.

Preto de tres cuartos dos europeos (73 %) cre que as comisións e o uso de relacións persoais son moitas veces o xeito máis doado de obter un servizo público nos seus países. Esta crenza é máis forte en Grecia (93% ), Chipre (92 %), Eslovaquia e Croacia (89% cada un). 

Perto de dous terzos dos europeos (67% ) cren que o financiamento dos partidos políticos non é
suficientemente transparente e controlado. Á cabeza, España (87% ), Grecia (86 %) e República Checa (81 %). 

Menos dun cuarto dos europeos (23%) considera suficientes as medidas tomadas polos gobernos para pór fin á corrupción.

"Menos dun cuarto dos europeos (23%) considera suficientes as medidas tomadas polos gobernos para pór fin á corrupción"

A nivel europeo, a corrupción, o clientelismo e o nepotismo son consideradas por 4 de cada 10 empresas como unha fonte de problemas, cifra que sobe a 5 no sector da construción. Canto máis pequena é a empresa, máis sobe esa percepción.

O informe – que se repetirá cada dous anos -considera que a corrupción (definida como “abuso de poder en beneficio persoal”), é un fenómeno complexo, moi asentado na práctica política, económica, social, e cultural e non é fácil de erradicar; recoñece que afecta a todos os Estados membros, aínda que o nivel de corrupción e a eficacia das medidas adoptadas para loitar contra este fenómeno varían de estado para estado. Tamén se identifican as áreas máis expostas á corrupción, como contratos públicos, que son un compoñente importante da economía europea (aproximadamente un quinto do PIB da UE é o que gastan anualmente os gobernos e as entidades públicas para a adquisición de bens, obras e servizos). Outros sectores vulnerábeis á corrupción inclúen a saúde ou o desenvolvemento inmobiliario e de construción urbana. Os riscos de corrupción son tamén máis elevados a nivel rexional e local pois nestes niveis as salvagardas e controis internos tenden a ser menos rigorosas. Por último, tamén se sinalan lagoas significativas no seguimento do financiamento dos partidos políticos.

"É aceptábel que un cargo público utilice a súa influencia persoal, adquirida xutamente por ter desempeñado ese cargo, para solicitar un posto de traballo para un familiar ou para unha amizade?"

Até aquí, mais ou menos, a filosofía do informe. Da súa lectura pode desprenderse que Europa está disposta a convivir coa corrupción, co nepotismo, co clientelismo e a permitilos sempre e cando o volume económico que movan sexa “aceptábel”, sempre que se mova máis no ámbito dos favores persoais. 
Non lles parece que van nesta mesma dirección as declaracións que estes días ouvimos a responsábeis políticos de PP e PSOE a propósito do caso Pokémon? Non van por aí as declaracións de Feijóo cando, sobre o mesmo caso, indica que  as acusacións graves son as que pesan sobre o alcalde de Lugo mentres que  o resto (o referido ao PP) apunta a asuntos menores?

É aceptábel que un cargo público utilice a súa influencia persoal, adquirida xustamente por ter desempeñado ese cargo, para solicitar un posto de traballo para un familiar ou para unha amizade? Para os redactores do informe parece que si; para os dirixentes de PP e PSOE parece que tamén. Á fin de contas, quen redactou o informe non fixo máis que responder ás premisas de quen se beneficia dun sistema corrupto. É como se a unha galiña lle encargan un informe sobre as preferencias alimenticias dos raposos.

Comentarios