Entrevista

Eugenia Álvarez: "Explicamos a emigración a través de Rosalía"

No IES Laxeiro usan a súa poesía como vía para abordar temas de actualidade 
Mural feito polo alumnado do IES Laxeiro con motivo do Día de Rosalía.
photo_camera Mural feito polo alumnado do IES Laxeiro con motivo do Día de Rosalía.

No Día de Rosalía, multiplícanse os actos para honrar a memoria da poeta, cos centros de ensino como un dos puntos fortes. A súa poesía pode servir como escusa para tratar temas de absoluta actualidade, seguindo a liña "Errantes polo mundo" que propón este ano a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Eugenia Álvarez, coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Laxeiro de Vigo, cóntanos como o viviron este ano. 

Que actividades promoveron polo Día de Rosalía?

Levamos dúas semanas traballando o tema. Desde o Equipo de Dinamización Lingüística solicitamos que as titoras se sumasen á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que describía Rosalía de cara á emigración. De tal xeito, o que fixemos foi pórlle ás crianzas o resultado destes procesos migratorios na actualidade: o que supón para as familias, para quen se ve forzado a deixar o fogar, se cadra para emprender unha viaxe a ningunha parte, a un lugar onde lle pechan as fronteiras. Á vez, explicámoslles que isto xa acontecía hai máis dun século a través dos poemas de Rosalía, que encaixan perfectamente coa situación actual, por exemplo, "Cara á Habana". Pedímoslles que fixesen unha representación plástica cos versos do que crían que pasa na actualidade. Con iso compuxemos un mural que colocamos na cristaleira que dá ao exterior da escola. Á parte, realizamos unha montaxe co equipo das TIC dos seus debuxos coa canción "Adiós Ríos, Adiós Fontes" cantada por antigas alumnas do centro, a capela. 

Usan a figura de Rosalía para falar da actualidade.

Rosalía para nós sempre ten un oco. Queremos que as crianzas se a identifiquen coa Galiza, porque así o sentimos nós e queremos transmitirllo ás nosas alumnas. Aínda que sexa nas súas obras en castelán, o sentir é galego. Por outra banda, como proxecto de centro este ano estamos a estudar a conservación do planeta, baixo o lema "Ecolaxeiros. Misión: Salvar a Terra". Como Rosalía ten poemas nos que fala sobre os prexuízos da tala do bosque autóctono, tamén aproveitamos para levalo ás aulas e que traballen con eses poemas. Á volta das ferias seguiremos co asunto. Ela xa no seu momento se daba conta de que a tala de carballos e de aciñeiras era prexudicial para o planeta. E agora que vén o día da muller ímola retomar tamén para falar do feminismo, pois a pesar de que estaba nun mundo de homes e noutras circunstancias, loitou por facer o que lle gustaba e ser ela mesma.

Como é a acollida das alumnas destas propostas?

Desbórdanos. Atráelles moito a figura e a poesía tamén a senten. Nótase moito nas ganas que lle poñen. A participación é voluntaria e a pesar diso están moi implicadas. Porén, cando comezamos co tema de Rosalía, algunhas alumnas pensaban na cantante e compararon con ela a importancia que tería na actualidade. 

Comentarios