Os EUA lembran o día da fin da escravitude con tensións raciais

A cidadanía dos EUA conmemora cada 19 de xuño o Juneteenth ou Día da Liberdade. Por outra banda, a cidade de San Francisco retirou nas últimas horas unha estatua de Cristobal Colón.
EuropaPress_3194585_16_june_2020_us_new_york_an_aerial_view_shows_black_lives_matter_painted_on
photo_camera Vista aérea dunha pintada de Black Lives Matter na cidade de Nova York (William Volcov / dpa)

Os EUA conmemoraron nesta sexta feira, 19 de xuño, o Juneteenth, o aniversario do final da escravitude no Estado de Texas, no medio de episodios de tal tensión racial que o presidente do país, Donald Trump, tivo que adiar ao sábado a súa esperada reaparición pública ante os seus simpatizantes na cidade de Tulsa (Oklahoma) prevista para esta sexta.

O Juneteenth conmemora o día en que a declaración de emancipación asinada polo presidente Abraham Lincoln en 1863 se fixo efectiva en Texas, o último dos Estados en proclamar a decisión, dous anos despois do decreto. Arredor de 250.000 escravos negros foron liberados, oficialmente, nese Estado o 19 de xuño de 1865.

Para boa parte da cidadanía negra dos EUA, o Juneteenth representa unha conmemoración ─aínda que non ten carácter federal, senón que queda en mans dos Estados e as empresas─ moito máis sentida que o Día da Independencia, polas asociacións negativas que esta última ten como antecesora do período da escravitude no país.

Este ano coincide coas protestas por todo o país desencadeadas tras a morte do cidadán negro George Floyd durante unha detención policial en Minneapolis e pola que un dos axentes implicados, Derek Chauvin, foi acusado de asasinato.

Estatua de Colón

Tamén , as autoridades de San Francisco decidiron retirar unha estatua de Cristobal Colón tras ser obxecto desde hai varios días de actos vandálicos dentro desta vaga de protestas. 

A decisión foi adoptada pola Comisión das Artes da cidade ─coa aprobación da alcaldesa, London Breed─ dado que a estatua, erixida en 1957, "non se aliña cos valores de San Francisco". Ademais, polas redes circularan mensaxes chamando a arrancala e tirala á baía. 

Comentarios