EUA anuncia sancións contra Maduro e quen integre a Asemblea Constituínte

Estados Unidos considera “ilexítimas” as eleccións do domingo en Venezuela e acusa presidente venezuelano de “romper a orde constitucional”.

O Secretario do Tesouro de Estados Unidos anunciou sancións contra o presidente de Venezuela, Nicolás Maduro e ameaza con estendelas a quen integre a Asemblea Nacional Constituínte (ANC) elixida este domingo. EUA considera “ilexítimos” eses comicios, nos que a Comisión Nacional Electoral (CNE) indica que participaron máis de 8 millóns de persoas, e acusa Maduro de “romper a orde constitucional”.

As sancións pasan por “conxelar” posíbeis bens que Maduro tivese en EUA para alén de prohibir a cidadáns estado-unidenses facer negocios co presidente. A importancia das mesmas radica en que supoñen un paso máis na escalada de agresividade coa que Estados Unidos manobra en todo o que atinxe a Colombia. Cómpre lembrar que en 2015 o presidente Obama asinou un decreto executivo polo cal declaraba Venezuela “ameaza inusual e extraordinaria” para os EUA.

O presidente venezuelano, coñecidas as sancións, declarou que EUA adopta esas medidas a raíz de convocar as eleccións para a ANC. “Tomen as sancións que lles pete máis o pobo venezuelano decidiu ser libre e son o presidente dunha nación libre”.

Nas últimas horas, e segundo informa a oposición, foron detidos Leopoldo López e Antonio Ledezma, que cumprían arresto domiciliario.

Comentarios