Lois Diéguez, escritor

“Se eu quero ser feliz, quero que os que me rodean o sexan tamén”

Escritor, dirixente político e activista cultural, Lois Diéguez (Monforte de Lemos, 1944) é unha peza chave do sistema cultural e da vida política da Galiza dos últimos cincuenta anos. Con motivo do cincuenta aniversario da publicación da novela A torre de Babel, conversamos con el para repasar a súa traxectoria literaria e para pensar o país. Eis un extracto da entrevista, publicada no número 321 de Sermos Galiza.

Lois Diéguez
photo_camera Lois Diéguez

2Fanse 50 anos da publicación de A torre de Babel, a novela xeracional do 68 galego en Madrid. Que significa para vostede esta obra? Canto hai dela na súa posterior produción literaria?

Sobre todo, significa o inicio nese xénero, na narrativa. Eu tiña poucos anos e non era moi maduro. Na etapa dos vinte, era algo inxenuo e vía a vida con moita pureza. Reflicte o choque que tiven cando cheguei a Madrid desde Monforte. So saíra de Monforte á Coruña, Lugo… pero nada máis. Entrar en Madrid… aquilo foi para min algo que non daba entendido polo contraste do idioma e o acento e pola cultura en si, tan diferentes. De aí naceron moitas preguntas sobre o que era Galiza. Ese choque é o tema da novela, con certa inxenuidade tamén. Trátase dunha primeira novela con demasiadas páxinas, coido.

O valor que tivo para min foi, primeiro, botarme a escribir, e descubrir que me resultaba fácil. Este mundo naceu por Manuel María, que era o meu titor nesa altura. Ao mellor eu sería distinto sen ese contacto directo que tiven con el. Fixo un prólogo no que destacaba que eu era novelista sen dúbida, porque se non, non escribiría tantas páxinas. Ademais, ten o valor de deixar retratada unha xeración que descobre Galiza en Madrid. A cuestión política era para min un mundo descoñecido, e comecei a descubrilo no Clube de Amigos da Unesco, que é onde ían os que chamaban roxos daquela. Estaba abríndome á vida e esa novela ten ese cariño para min.

É autor dunha abondosa obra narrativa que transita desde os libros de viaxes á prosa poética, pasando pola literatura xuvenil, e sempre cun fondo compromiso social e cunha vontade por manter o pulso do país. Até que punto iso non o converte nun escritor incómodo para o poder e non lle fechou a porta a un maior recoñecemento da súa obra por parte da oficialidade?

É unha obra abondosa, con bastante produción, un esforzo que se ve lendo por etapas o que fun construíndo. O compromiso vén desde o momento en que descubrín que era galego en Madrid, que tiña unha cultura e un idioma e que iso estaba reprimido. A primeira batalla foi cos propios madrileños cando estudaba topografía, cos compañeiros da clase que se burlaban do noso acento. No colexio de topógrafos eran militares boa parte dos profesores por ser eles os responsábeis da topografía oficial do Estado. Sobre un plano a escala 1:50.000 debatíamos os posíbeis erros que tería e sobre el fíxenlles ver as incorreccións cometidas nos que correspondían a Galiza por deformar os topónimos. Cando aínda hoxe se segue defendendo aquí a españolización dos topónimos, xa a finais dos anos sesenta aceptaban os militares a súa barbaridade, outro exemplo de como incide nunha persoa o feito de non poder ser ela; porque eu non podo ser eu sen ser galego. Que conflito hai en aceptalo? Un escritor non está fóra da sociedade, non anda nas nubes, está nun lugar concreto e iso vai diferenciar o seu traballo. Eu o que fago sáeme con toda naturalidade. Cando escribo, sei que iso vai chegar só a un número de xente, se chega. O conflito hoxe, xa con anos de moita batalla, é o silencio. Somos incómodos porque afondamos na vida de cada un, no que sente, no que expresa e no que quere. Se un non se somete ao poder ou se o contradí, resulta incómodo, como o é a muller que loita polos seus dereitos e que axiña silencian e combaten. Eu fun incómodo expresándome política ou socialmente, evidentemente, e nesa batalla fun vítima. Hai tres libros meus que sería interesante reeditar, penso, porque axiña desapareceron. Chegaron a un sector, ponlle 1.000 ou 2.000 persoas daquela, entre 1992 e 1997, e aí morreron e parécenme importantes na medida en que son voz da nación, historia dunha época a través duns personaxes que a conforman.

Que obras reeditaría?

Cando o caciquismo –aínda potente hoxe– era terríbel nos anos setenta e oitenta había un presidente que actuaba como se tivese dereito de pernada: Cacharro Pardo. Diso xorde Tres sombras góticas e unha rosa, que está descrito cunha atmosfera medieval que, pola contra, resulta actualísima. É o afogo da liberdade, da esperanza, da alegría. A outra trata de varias historias vistas cos ollos humoristas e sabios dunha vella que pasa a vida na galería da súa casa. É reflexo dunha etapa máis aberta con outras alternativas. Trátase de Henriqueta na galería. E anterior a estas dúas hai outra que incide nos aspectos máis negros que podemos ter as persoas, Monólogos no espello. Son como tres etapas: a negra, a gris e a verde. A publicación das tres nun tomo daría unha perspectiva histórica da sociedade galega e tamén dos efectos do tempo sobre unha obra. Ofrecinllo a unha editorial de aquí e sen lelas negouse rotundamente a publicalas, o que indica a que nivel andamos neste campo. O que se silencia ou molesta queda na sombra e iso é terríbel para calquera cultura.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 321 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios