Opinión

Eu non tiven que poñer a chave entre os dedos con puño pechado

A fin de contas, o medo da muller á violencia do home

é o espello do medo do home á muller sen medo

Eduardo Galeano

A vida pública está chea de retórica, de declaracións institucionais unánimes, de clamorosos minutos de silencio, de ostentosos lazos de cores. Cada vez que unha muller é asasinada prodúcese un ritual de actos de contricción, de lamentos, de frases feitas e discursos consabidos. E xorden as palabras talismán: lacra intolerábel, solidariedade, condena, resposta contundente, reforma legal, prevención, pacto de Estado…

Non vou xulgar a utilidade das declaracións e dos minutos de silencio. Mais debaixo dos ritos oficiais, máis alá dos pactos e das condenas hai un clamor de rabia e rebeldía. Hai voces de mulleres, de mozas, que din estar fartas de tanta violencia, de tanto medo, de tanto silencio. Que din estar fartas de sufrir a cotío agresións e de calar. Que non están dispostas a seguir levando, canda o peso da violencia, o pesado fardel da culpa e da vergoña . Hai voces de mulleres, de mozas, que están fartas de calar, e que din Ata aquí chegamos!, Basta!

No paréntese destas festas navideñas lin no muro do Facebook un testemuño demoledor dunha moza de 20 anos, Zuri Otero, sobre os reiterados e silenciados ataques e agresións machistas que sofren as mulleres. Sobre os medos a as prevencións. Sobre as miradas, as palabras, os acenos, as intimidacións, os axexos, os acosos do día a día.

Zuri di estar cansa dos comentarios sobre o físico e a forma de vestir: Que tetas máis brancas!; Non deberías ir soa a estas horas, e menos con esa saia!; Coidado guapa, que me quento;, Canto cobras?).

Di estar farta de que a chamen puta, guarra ou zorra por ir con minisaia ou con escote. Que lle toquen o cu na pista de baile. Que cando reaccionan ante as agresións e os acosos sempre xurda a mesma resposta: Reláxate, non te poñas así que non é para tanto!

Para os homes é difícil entender o que isto significa porque simplemente NON NOS PASA.

A nós non non para o corazón cando imos pola rúa e pasa un coche moi a modo. Posibelmente nin reparamos no detalle.

E non temos que poñer as chaves entre os dedos co puño pechado cando un home vai andando detrás nosa e nos segue.

Non temos que apurar o paso nin evitar certos itinerarios e determinadas horas para volver á casa. Ou para sair a facer deporte.

Di Zuri Otero que o único que quere é poder saír á rúa á hora que queira, bailar e vestir como lle dea a gana e sentirse segura, “porque non é así e queda moito camiño para que sexa”.

Nesta loita é fundamental que os homes sexamos conscientes do que non nos pasa a nós polo feito de ser homes. De todas as violencias materiais e simbólicas que non sufrimos. De que a violencia, como di Carme Adán en Feminicidio, é o límite da liberdade das mulleres. E que o medo é o instrumento do sometemento e da dominación.

Cómpre mudar moitas cousas no persoal, no social e no político. Unha delas é a maneira de ver a realidade, a comprensión do que acontece e o cambio de actitude no cotián. Para as mulleres mozas dicir Estamos fartas e Basta xa é un gran paso adiante, unha peza clave na revolución que está en marcha.

A grande cuestión pendente é que os homes cambiemos de lugar. Que mudemos a perspectiva para mirar a realidade desde a cara oculta. Que comecemos por desvertirnos da roupaxe machista, que sexamos conscientes das desigualdades que nos benefician, e que deixemos as posicións pasivas (e compasivas) para sumarnos á onda imparábel dun movemento que ten detrás décadas de loitas e de logros e por diante moitos muros que derrubar.

Comentarios