Opinión

Eu, min, meu, miña, comigo

Todos os veráns hai uns meses de prohibición das queimas –e non digamos dos churrascos no monte. Aínda que para cadaquén sexa máis cómodo facer unha larada cos restos das podas e o gasto, é preciso agardar polo outono para evitarmos incendios. Así debemos atender as recomendacións para enfrontarmos o grande incendio da COVID-19. Somos bichos sociais, mesmo se hai quen unicamente pense en termos de eu, min, meu, miña, comigo, e só conxugue os verbos en primeira persoa do singular ou en todo caso en primeira do plural. Vivimos en sociedade e todo o que facemos ten consecuencias para as demais persoas. Por que ás veces non se atenden os deberes cívicos? Creo que basicamente por egoísmo.

Hai tres semanas, cando comezaron a saír nenos e nenas foi unha ledicia velos xogar de novo nas prazas. Hai dúas semanas, ao ser posíbel pasear polos parques ou o campo –que na meirande parte de Galicia non adoita estar lonxe– sentimos unha liberación. Porén, nesta última semana vexo con sorpresa desde a fiestra, na praza baixo a miña casa, grupos de até seis ou sete rapazas e rapaces, de dez ou once anos, sentados xuntos, en contacto, e despois, o máis sorprendente, posando en grupo para un par de nais que os fotografan, desprezando cuestións como a distancia física. Isto repítese varios días. Non vou falar de que ignoran totalmente os horarios, pois creo que é menos relevante e seica, en Galicia, a partir do luns poderemos saír a calquera hora. Unha amiga de Boa, parroquia de Noia onde naceu Avilés de Taramancos, transmitiume a indignación da veciñanza a pasada fin de semana: as praias ás que eles só van pasear como está contemplado na fase 1, enchíanse de xente chegada doutros lugares mesmo bañándose. Amizades de Cangas, Fisterra ou Cee contan historias similares, adultos e crianzas que non se conforman con pasear. Agarden un chisco, por favor, axiña estaremos na fase 2 e poderemos bañarnos todos. Mentres, lean os artigos de Iria Veiga, que recomenda paciencia en tanto non chega a vacina. Isto vai para longo. Seica hai quen cre que non seguir as pautas das autoridades sanitarias é unha forma de rebeldía. Confúndense: rebeldía é a das xornalistas dos Venres Negros e Defende a Galega, que se enfrontan a represalias por defender os medios públicos. Desatender as medidas de prevención, poñendo en risco o conxunto, é máis ben un acto insolidario e irresponsábel, como tirar mistos ou cabichas no monte.

Comentarios