Opinión

Ética da comunicación

Eu non sei se lles pasa o que a min, que vexo na información transmitida verbo da pandemia, moitas nubes de fume e pouca claridade. Hai información diaria e detallada, iso é certo, mais coido que a información que recibimos non está abondo dixerida antes de ser comunicada. A situación é complexa, mais se eu ben entendín o que acontece, agora a ocupación de camas hospitalarias e o número de doentes nas UCIs é mais ou menos un 20% do que era nos períodos de acme da pandemia, alá polos meses de abril e maio, cando os hospitais estaban saturados e a conta de defuncións diaria era ben maior que agora. Malia isto ser así, cada día, con reiteración insidiosa os telexornais dedican case o 50% do seu tempo a darnos novas asustadoras de pequenas comunidades e micro gromos nun pobo de Estremadura ou de Castela, que foron pechados pola pandemia. Esas novas, por desproporcionadas, teñen como efecto inmediato sementar medo na poboación e magnificar a sensación de que non temos avanzado moito no control da diseminación do virus malia os esforzos de confinamento e medidas hixiénico-sanitarias de prevención. 

É un problema de ética xornalística e de ética administrativa. Nin os responsábeis de sanidade deberían dar números sen explicar o seu auténtico significado comparativo, nin os xornalistas deberían de tomalos mimeticamente sen entendelos e explicalos. Entender e ser quen de comunicar a complexidade do problema (si, temos un problema) é un primeiro chanzo no camiño ascendente do coñecemento.

Para aliviar as nosas carencias na comprensión da complexidade inventamos algúns conceptos ou adoptamos algunhas convencións culturais que levan aparellado o concepto de irredutibilidade (ausencia de concreción e, polo mesmo, ausencia de predición) da comprensión do comportamento humano e da visión global da evolución do sistema, neste caso a predición da evolución da pandemia. É necesario un esforzo ético maior, para evitar a confusión actual.

Comentarios