Opinión

Eternos propietarios

Dentro do corazón máis cosmopolita da urbe retrátase con detalle, nesta novela de Jorge Emilio Bóveda, unha xeografía de espazos curtos na que o viciado alento próximo dos seus protagonistas se deixa sentir na caluga do lector.

O espazo idílico no que se sitúa a narración, nunha populosa Auria, é, dentro do barrio da Arcadia, na comunidade das Marabillas. Unha estratexia de zoom óptico coa que enxergar de preto e, desta sorte, se aproximar á contemporaneidade máis humana da nosa cidade.

A voz narradora bota man dun interesante recurso que é o de segmentar, nos diferentes capítulos, o universo da civilización —estratificado nos andares dun portal— en función de cada unha das vivendas de que este se compón. E, entrando en cada unha delas sen chamar, analizar a conduta dos seus habitantes. Para, de paso, radiografar a interacción, coma nunha colmea, dos diferentes actores que constrúen o panal.

O motivo aglutinante é a convocatoria dunha xunta xeral ordinaria de propietarios. Non debe pasarnos desapercibido este último sintagma, con toda a súa carga semántica, que nos desposúe de aparencias accesorias e sitúa no costume das rutinas do cotián.

De nos referirmos ao eido literario con terminoloxías da linguaxe coloquial dos medios imperantes, diriamos que este libro transmite, co ollar —carente de intimidade— dun ‘gran irmán’ que todo o ve, unha burbulla inmobiliaria.

Mais non tomemos as expresións empregadas sobre a realidade ao pé da letra. Porque, coma os espellos deformantes, modifican a percepción. E, ao mellor, a tal ‘comunidade’ —de propietarios— debería renomearse co mesmo prefixo ca o utilizado co termo que define as súas vidas: ‘incomunicación’.

Xulguemos, logo, algúns detalles desta fauna urbana. Á que, como elemento ambiental, non lle ha ser allea a seguinte sinestesia de sensacións: abouxante música comercial que transpasa as paredes, ondeo de flamantes bandeiras nacionais ou, no ar limpo da mañá, sacudido de alfombras polo balcón.

Velaí, entón: íntima e exclusiva convivencia familiar con exóticas mascotas ou cos inseparábeis cans —cuxo nome mesmo chega a figurar no rótulo dos pisos—; exposicións abusivas en internet; culto ás modas da aparencia —visíbeis en tatuaxes ou piércings—; permanente acompañamento de auriculares ou dispositivos móbiles; perda sistemática do tempo en centros comerciais; consumo habitual de produtos da subcultura de masas —caso de pasatempos, realitis ou teleseries cutres—.

Mais ao mesmo tempo agroman acotío evidencias dunha recoñecíbel realidade socioeconómica actual do precariado, orixinada por un capitalismo depredador. Do que son mostras as subcontratas, a explotación laboral ou o desarraigamento familiar en prol dun suposto progreso económico.

Unha interesada trama de relacións sociais en gran medida fundamentada no consumismo, na arela do ascenso social, na exhibición do politicamente correcto, na alienación causada polo ensino relixioso e de pago, ou no caciquismo. E que ten como consecuencias directas a corrupción política, a (in)cultura dos enchufismos e recomendacións e, xa que logo, a submisión ao poder.

Se ben non faltan tampouco outros decisivos elementos para compor o deseño, coma o fracaso escolar, o enciclopedismo superficial e a impostura intelectual, o minifundio cultural ou a violencia doméstica, o patriarcado, o engano nas relacións afectivas, estereotipos sexuais, tópicos machistas e, como non, o inevitábel papel subalterno da muller.

Como consecuencia do apuntado poderíase indicar que os máis dos individuos que integran este mosaico humano están caracterizados polo individualismo, a falla de realización, pola esterilidade social —evidenciada nas adopcións—, a decrepitude e a soidade —cuxo paradigma extremo son as momificacións, de cadáveres descobertos en vivendas logo de moito tempo—.

Para amosar toda esta complexa e complementaria veciñanza emprégase unha prosa dinámica que non é allea ao cultivo dunha poética esperpéntica coa linguaxe. Sirva a seguinte cita de exemplo: “se fixera un home de proveito para a vida, caendo directamente en Campus Stellae para estudar, tamén con honras, a carreira de Dereito, que logo de non poucas lambidas, sodomías e bandazos, o levara á Consellería de Benestar do Goberno da Gallaecia”.

Dentro do noso sistema cultural xa outros autores se achegaron, como estratexia literaria, á linguaxe administrativa, tal e como se leva a cabo neste relato. Do que son mostra Carlos Casares, Manuel María ou Vicente Risco.

Con este último autor obsérvase, en diferentes pasaxes da trama, máis dunha concomitancia. Do que son evidencias, alén do xa dito, o estrañamento da realidade ou o manexo da ironía.

Velaí, logo, un hábil emprego do que poderiamos cualificar como realismo banal. Consistente en dar conta da eterna mediocridade, que nos sitúa nunha burbulla de intereses creados e que, pola súa vez, interpreta a pobreza da nosa existencia.

Comentarios