Un estudo demoscópico coloca Feixoo por debaixo da maioría absoluta e o BNG por cima da confluencia

O PP perdería a Xunta de Galiza se se realizaren hoxe unhas eleccións ao Parlamento autonómico. Esa é a principal conclusión do estudo demoscópico elaborado por Electomania. A esquerda e o nacionalismo poderían formar un goberno alternativo. En estimación de voto, o BNG supera a confluencia de Podemos e Esquerda Unida.
Colexio electoral 20D eleccións xerais

Más noticias para Monte Pío. De acordo co GalaicoPanel (18-A), o PP ficaría en apenas 33 asentos na cámara galega, cunha caída de apoios moi considerábel a respeito das eleccións do outono de 2016. Se daquela a formación de Feixoo obtivo 47,53% dos sufraxios validamente emitidos, desta volta cedería até 10 pontos e tería de se conformar cun magro (para os seus números históricos) 37,4% dos votos.

A irrupción de Cs no Pazo do Hórreo, 6,7% dos votos e 4 escanos, non abondaría para a direita reter a maioría absoluta. Polo mesmo flanco, Vox ficaría sen representación, cun discreto 2,9% dos sufraxios, nova mostra das dificultades de aclimatación da extrema direita españolista no ecosistema político galego.

Canto ás forzas da oposición, a alternativa a Feixoo estaría claramente liderada por un PSdeG que incrementaría os seus apoios en 7 pontos (do 19,07% ao 26,6%) e que se plantaría no Hórreo con 22 cadeiras. A maioría absoluta das forzas progresistas completaríana BNG e a confluencia de Podemos e Esquerda Unida. Estas formacións empatarían en número de escanos, 8 a 8, mais en votos a máis votada sería o Bloque, cun ponto de vantaxe (11,9% face 10.9%).

O estudo, aliás, mostraría o significativo avanzo do BNG (8,36% dos votos en 2016) e a estrepitosa caída da confluencia (en 2016, aliados co villarismo, obtiveran 19,07%).

Cabe ter en conta que no estudo se fai unha estimación das hipóteses de voto de Galicia en Común, a marca de Unidas Podemos nas xerais, denominación coa que a confluencia non vai competir nas galegas, pendente da probábel incorporación da Anova de Antón Sánchez.

O estudo si que rexista un voto residual para a En Marea de Villares, 1,1% dos sufraxios, apenas unha décima máis que o PACMA e dúas por cima de Compromiso por Galicia.

O GalaicoPanel (18-A) é un estudo feito por Electomanía a partir de promedios de enquisas xa publicadas, datos propios e resultados históricos previos.

Comentarios