Ramón Carballo, candidato do PP á alcaldía de Lugo

"Estes últimos catro anos foron un desastre para Lugo"

Ramón Carballo Páez é o candidato do PP á Alcaldía de Lugo. Sinala que se postulou como aspirante "porque estou convencido de que é necesario cambiar a dinámica de parálise e o déficit de xestión que hai no Concello de Lugo". Ten 59 e é "veterinario de profesión e político por devoción". Responde este cuestionario a través do correo electrónico.

20181023_RamónCarballo_CandidatoPPdeLugo_006
photo_camera Ramón Carballo

Que supuxeron estes catro anos para Lugo?

En tempo de campaña electoral case todo se le nesa clave e ás veces pode non resultar moi críbel, pero isto que vou dicir pódeo dicir calquera lugués que coñeza o concello e a cidade. Este mandato que acaba, coa socialista Lara Méndez na alcaldía, foi un verdadeiro desastre para Lugo; non foron só anos perdidos, foron un desastre. Por un lado, Méndez logrou desmantelar a propia institución, tanto no que se refire á xestión de recursos humanos como á xestión dos servizos propiamente ditos.

En canto ao persoal, deixou sen cubrir as prazas dos que se xubilaron, enfrontou uns funcionarios con outros, provocou unha folga e hai unas sete xefaturas de servizo sen cubrir, co que iso significa. Por exemplo, a Policía Local, que de 180 membros quedou en 80, leva meses e meses sen xefe; como consecuencia, non hai patrullas na rúa e hai tiróns de bolsos, asaltos a vivendas, un tráfico caótico, etcétera. Hai arredor de corenta servizos municipais operados por empresas sen contrato en vigor no Concello (este asunto está no xulgado). Unha desas empresas é a encargada da recollida de lixo e aseo urbano; pois ben, a OCU acaba de incluír a Lugo entre as cidades máis sucias de España, cando anos atrás a cidade mereceu distincións, como a Escoba de Plata, pola calidade da súa limpeza. O custo en euros para Lugo deste catro anos foi inmenso, e algún día será debidamente avaliado. E o caso é que nunca o Concello tivo tantos cartos “apalancados” nos bancos. Con iso eu creo que queda clara a situación. Estes últimos catro anos foron un desastre para Lugo.

Como valora o traballo desenvolvido pola alcaldía?

Na resposta anterior fixen unha descrición do estado de cousas no Concello e no municipio que xa responde en parte a esta pregunta. A miña valoración do traballo da alcaldesa socialista, Lara Méndez, non pode ser máis negativa. E non é de recibo o argumento de que foi un goberno de extrema minoría (o PSOE tivo este mandato 8 dos 25 concelleiros); non. Se non se sentiu capaz de gobernar, debeu buscar outras fórmulas, dar paso a outras fórmulas. Non o fixo e, polo tanto, non vale o argumento do goberno minoritario.

Lara Méndez chegou a alcaldía de rebote, sen coñecer as rúas da cidade nin as parroquias da zona rural

Lara Méndez chegou a alcaldía de rebote, sen coñecer as rúas da cidade nin as parroquias da zona rural; chegou por accidente e sen saber nada de Lugo. E sen ter nin idea de xestión. E aínda lle chega ben saber onde está cada rúa; ao seu equipo, agás un par de excepcións, pásalle o mesmo. A incapacidade de xestión foi total; nada avanzou, salvo o deterioro das infraestruturas e servizos. Vese na rúa, veno os lucenses todos os días. Ven a cidade sucia, as calzadas con fochancas, as beirarrúas con lousas levantadas nas que tropezan os anciáns; os lucenses non ven policías locais na rúa e non poden aparcar porque Méndez suprimiu a ORA sen estabelecer ningunha alternativa. Por iso, en Lugo hai ganas de cambio.

E o traballo realizado polo seu partido?

O PP fixo un traballo de oposición rigoroso, tanto no control do goberno municipal como en canto a presentación de propostas no camiño de avanzar cara á materialización do noso proxecto de cidade. E moitas das nosas iniciativas foron aprobadas, pero quedaron sen executar. O goberno de Lara Méndez, ao igual que o esperpento de goberno da Deputación provincial, non quixo entender que os acordos plenarios hai que cumprilos. O grupo municipal do PP, liderado por Antonio Ameijide, fixo todo o posíbel para minimizar os desastres provocados polas decisións erradas e pola falta de decisións do goberno de Lara Méndez. O PP fixo as propostas que Lugo necesita para mellorar a xestión de persoal, a mobilidade, a seguridade, as infraestruturas. Pero o sectarismo político de Méndez e a súa incapacidade de xestión levaron a Lugo á triste situación na que está hoxe. Sabe? Conseguir unha licenza para una obra maior leva dous anos: que cidade pode aguantar iso? Pois contra todo iso loitamos durante catro anos e estou seguro de que os lucenses van recoñecer nas urnas o traballo que fixemos.

A cidade non pode soportar máis tempo esta carencia absoluta de dirección

Cal é a principal necesidade do seu Concello?

Sen dúbida, saír da parálise de xestión na que se adopta. A cidade non pode soportar máis tempo esta carencia absoluta de dirección. É necesario un equipo de xente con amor a Lugo, con moitas ganas de traballar, con proxectos claros e con obxectivos ben identificados. Iso é o que eu ofrezo a Lugo. Necesitamos xestionar rápido e con eficacia a recomposición dos departamentos municipais, para poder normalizar os servizos públicos e a tramitación de cantos asuntos públicos e privados dependen do Concello. É necesario recompoñer a Policía Local para que Lugo volva ser unha cidade segura; é preciso resolver os trámites administrativos rápido para non bloquear a actividade económica e temos que rebaixar os impostos como o IBI; necesitamos devolver a Lugo a limpeza pola que foi premiada; temos que volver facer de Lugo a cidade da Muralla, un referente no turismo cultural e de calidade. En fin, xestión, xestión e xestión; hai que cambiar a dinámica suicida imposta polo goberno de Lara Méndez.

En relación a iso, cal será a primeira medida que impulsará no novo mandato se está no goberno?

Pois as necesarias para relanzar a xestión. E iso pasa, necesariamente, por recompoñer os departamentos municipais, por reordenar a xestión dos recursos humanos. Para iso haberá que buscar o maior consenso posíbel político, sindical e social para aprobar unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT). Quero destacar o traballo e a responsabilidade do persoal municipal, que, pese á disparatada xestión dos recursos humanos por parte do goberno, logrou que o concello non se bloquease totalmente. Os traballadores municipais teñen o meu total recoñecemento e agradecemento como lucense, como administrado.

Comentarios