Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda

"Estamos mal afeitos a que o recoñecemento e a memoria cheguen tarde"

[Imaxe: Cedida] Amalia Bóveda
photo_camera [Imaxe: Cedida] Amalia Bóveda

A derradeira leición do mestre' en Galiza. Un cadro moi especial para Amalia, filla de Alexandre Bóveda, que fala nesta conversa con Sermos Galiza sobre un óleo debuxado por Castelao. 

Que supón para vostede a chegada a Galiza do cadro co que Castelao homenaxeou o seu pai?

Para min chega un pouco tarde. A quen lle tivera gustado estar fronte o cadro, tanto coma min, é á miña nai, descontando a tristura que lle suporía, coma min, parar diante del. Hai que ter en conta que nesta obra o máis importante é o contido, a mensaxe, máis que o contedor en si. Xa estamos mal afeitos a que o recoñecemento e a memoria cheguen tarde, mais neste caso non podo disimular o meu agradecemento por que chegue. 

Que importancia ten para vostede este cadro?

Para min moita, pois aínda que non se exprese verbalmente, a persoa –mellor dito, o mestre- é a cara do meu pai. Interésame tamén persoalmente a propia importancia colectiva que teñen tanto o mestre coma o cadro, porque aquí convén lembrar a importancia da súa lección no noso presente. 

Que papel xogou o seu pai no proceso de renovación da Galiza da época?

Na renovación pedagóxica da Galiza da época a que tivo un papel moi importante foi, entre outras persoas, María Barbeito. No que meu pai si xogou un papel salientábel foi na renovación económica, non só na Galiza da época, senón aínda máis na actual. Iso deixouno plasmado no Estatuto do 36 do que xorde o noso Estatuto actual. 

A ausencia de políticas de memoria fai que a maioría da cidadanía galega non perciba no presente o labor sociopolítíco de Castelao, de meu pai e de moitas outras persoa

Cre que as institucións galegas teñen debidamente recoñecido o papel que xogaron persoas como o seu pai?

Indubidabelmente non, e non o digo só como filla, senón coma cidadá e galeguista. As institucións galegas teñen a súa existencia no Estatuto do 36. A falta de políticas públicas de memoria efectivas fixo inexistente ese debido recoñecemento. Esa ausencia de políticas de memoria fai que a maioría da cidadanía galega non perciba no presente o labor sociopolítíco de Castelao, de meu pai e de moitas outras persoas.

Vai ir ver a exposición?

Si, irei. E irei sempre que poida recoñecer e divulgar a memoria do meu pai, ainda que, como comprenderás, teño xa 82 anos e este tipo de actos supoñen para min un forte impacto emocional.

Entrevista publicada no Sermos galiza nº316.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios