Georgia podería hipotecar a Presidencia de Biden

Despois das últimas vitorias republicanas en Alaska e Carolina do Norte, a elección o 5 de xaneiro dos representantes de Georgia no Senado dos EUA será decisiva para coñecer que si e que non poderá facer o presidente electo, o demócrata Joe Biden, os próximos catro anos. Ambos os dous partidos acaban de pór a maquinaria electoral a funcionar.
Georgia Rep. Stacey Abrams poses for a portrait at the Georgia State Capitol in Atlanta on Friday, April 7, 2017. Photo by Kevin D. Liles for The New York Times
photo_camera Stacey Abrams, unha figura chave en Georgia para os demócratas. (Foto: staceyabrams.com)

"Esta é unha decisión de Georgia, mais serán os EUA quen vivan coas consecuencias", afirmaba na cuarta feira o senador republicano cubanoamericano Marco Rubio nun acto electoral na capital Atlanta. "Temos que ir e gañar Georgia", sentenciaba o seu colega, como o primeiro tamén senador por Florida, Rick Scott, despois de ser elixido esta mesma semana presidente do Comité Nacional Republicano (RNC) para o Senado, o equivalente ao comité electoral dun partido galego.

Porque o control da Cámara alta non se decidirá até o 5 de xaneiro, cando neste Estado de Georgia se desenvolva a segunda volta dos comicios para elixir os seus dous senadores: ningún dos candidatos conseguiu nas eleccións da semana pasada a maioría absoluta, un requisito case exclusivo deste territorio dos EUA, país federal onde cada Estado ten as súas regras.

Se Georgia é un Estado peculiar dentro do proceso electoral dos EUA, o propio Senado estadounidense tamén difire do funcionamento doutras democracias liberais con parlamentos bicamerais. Aquí, tanto a Cámara alta como a baixa ─a de Representantes─ teñen un poder similar, polo que o Senado non é unha simple "cámara de revisión" como acontece noutros sistemas políticos como o español.

Cada un dos 50 Estados dos EUA ten dous senadores. Logo a maioría está en 51 do total de 100 representantes. En caso de empate a 50, ten a última palabra ─voto─ o presidente do Senado, neste caso presidenta, porque a lexislación estabelece que a Cámara alta sexa presidida pola persoa que ocupe a Vicepresidencia do Goberno dos EUA. Isto é, a demócrata electa Kamala Harris.

Este empate a 50 ─e, polo tanto, o control do Senado─ é o máximo ao que pode aspirar o Partido Demócrata neste momento. Non é cuestión menor para o presidente electo Joe Biden, que en caso contrario vería o seu mandato condicionado polo menos até 2022 ─cada dous anos anóvase un terzo dos senadores─. 

Se o Partido Republicano conserva a maioría podería bloquear, entre outras cousas, a designación de membros do gabinete de Biden. Tamén algunhas das principais reformas con que chegou á Presidencia, como expandir a Affordable Care Act (a Lei de Atención Sanitaria a Prezo Accesíbel, máis coñecida como "Obamacare").

Batalla electoral

Os republicanos aseguráronse na quinta feira un asento por Alaska, segundo informou Associated Press, e outro en xogo por Carolina do Norte está a piques de ser confirmado ─o candidato demócrata xa concedeu a vitoria, mais o reconto continúa─. Isto sitúaos xa con 50 representantes. Os demócratas teñen 48. Por iso, os dous de Georgia son decisivos.

Así, o RNC anunciou onte que investirá 20 millóns de dólares na contratación de persoal para a campaña electoral. Pola súa banda, o Comité Nacional Demócrata aposta as súas opcións na estrela emerxente e líder do partido en Georgia, Stacey Abrams, activista negra centrada en que a cidadanía ─especialmente os colectivos máis discriminados─ se apunten e acudan a votar. Hai outros nomes detrás do éxito de Biden neste Estado: Tamieka Atkins, Helen Bulter, Nsé Ufot ou Deborah Scott. Todas activistas, todas mulleres negras.

Por un dos dous postos de senador por Georgia compiten o republicano David Perdue e o demócrata Jon Ossoff. Newsweek recollía onte os datos dunha enquisa do Remington Research Group, que dá 50% dos votos a Perdue para outro mandato, seguido a catro puntos por Ossoff.

Pasado baixo escrutinio

O outro posto dispútano o demócrata Raphael Warnock e a republicana Kelly Loeffler. O primeiro, pastor da igrexa de Atlanta onde predicaba o reverendo Martin Luther King Jr., está a ser atacado pola segunda, que o cualificou de "marxista anti-Policía que quere destruír os EUA", segundo recolleu onte a CNN. Ademais, quíxoo desacreditar por acoller na Igrexa Bautista Abisinia de Harlem (Nova York), onde traballaba en 1995, o daquela presidente de Cuba, Fidel Castro, no contexto dunha visita deste último á sede das Nacións Unidas.

Loeffler, pola súa banda, é a congresista con maior patrimonio de todo o Congreso, apuntou a CBS. O pasado inverno, no comezo da crise sanitaria, coñeceuse que ela e o seu marido, Jeffrey Sprecher, presidente da Bolsa de Nova York ─o maior mercado de valores do mundo─ venderan fondos por valor de 3,1 millóns de dólares en renda variábel. Fixérono despois de que Loeffler recibise información confidencial exclusiva para membros do Senado ─xa en xaneiro─ alertando da expansión do coronavirus e xusto antes dunha caída masiva dos mercados pola declaración ─o 11 de marzo─ da pandemia pola OMS.

"As eleccións máis seguras da historia"

As eleccións presidenciais da semana pasada nos Estados Unidos deixaron un sabor agridoce entre os demócratas, dado que as enquisas lles daban unha vitoria no Senado e un aumento da vantaxe na Cámara de Representantes.

Do lado republicano, o candidato Donald Trump mantén as acusacións de fraude electoral, algo que acaba de ser refutado nas últimas horas por un comité da súa Administración formado por funcionarios federais e estatais e que pertence ao Departamento de Seguridade Nacional (DHS, en inglés). Os comicios ─afirmaron─ foron "os máis seguros na historia" desde un punto de vista técnico.

"Non hai probas de que ningún sistema de votación eliminase ou perdese votos, trocase votos ou fose afectado dalgunha maneira", sinalou nun comunicado o Comité Executivo do Consello de Coordinación Gobernamental de Infraestrutura Electoral. 

Comentarios