Os Estados Unidos non se esquecen de Julian Assange

A documentación publicada hai unha década por WikiLeaks grazas ás filtracións do ex analista militar Bradley Manning, serviron para pór en evidencia os crimes de guerra cometidos polo Exército dos Estados Unidos no Iraq e noutros conflitos. Manning foi condenado a 35 anos e indultado tras cumprir sete. Agora é a quenda de Assange.
EuropaPress_3304133_07_september_2020_england_london_activists_calling_for_the_release_of (2) (1)
photo_camera Protesta no inicio da vista, esta semana, ante o xulgado de Londres (Jonathan Brady / PA Wire)

Unha cita do ensaio de George Orwell Politics and the English Language ("A política e a lingua inglesa", 1946) encabeza o vídeo Collateral Murder que WikiLeaks fixo público a comezos de 2010: "A linguaxe política está deseñada para facer que as mentiras parezan verdades e o asasinato respectábel, e para dar aparencia de solidez ao que só é puro vento".

O contexto é a guerra do Iraq. O país fora invadido o 20 de marzo de 2003 polos Estados Unidos e os seus aliados co fin de derrocar o presidente Saddam Hussein, baixo a premisa de que o seu Goberno dispuña de armas de destrución masiva. Isto probouse falso, mais a ocupación estendeuse até finais de 2011. 

O vídeo gravouse o 12 de xullo de 2007 desde un helicóptero Apache do Exército estadounidense. As imaxes mostran varios homes, entre estes o xornalista da axencia Reuters Namir Noor-Eldeen e o seu condutor, Saeed Chmagh, camiñando por unha praza pública ao leste de Bagdad. Os militares identifícanos como milicianos e a cámara que porta Noor-Eldeen como un lanzagranadas. Comezan a disparar indiscriminadamente. 

Pouco despois unha camioneta chega á zona masacrada para axudar os feridos. Os pilotos solicitan permiso para disparar contra os homes, desarmados. Recíbeno aos poucos segundos, e abren fogo até pulverizalos. No vehículo viaxaban dous menores de 10 e 5 anos, que resultan gravemente feridos. "A culpa é súa por traer os fillos a unha batalla", di o piloto. O informe oficial deste incidente inicialmente identificou todos os adultos como insurxentes e aseguraba que o Exército dos EUA descoñecía como se produciran as mortes.

"Torturas, secuestros"

O vídeo, que marcou un antes e un despois nas actuacións do Exército e do Goberno estadounidenses, foi filtrado polo analista de intelixencia militar Bradley Manning ─encarcerado sete anos─ a Julian Assange e é un dos exemplos que a defensa do fundador de WikiLeaks está a expor na vista que se desenvolve estes días en Londres para a súa extradición aos EUA. Alí afronta 18 cargos relacionados con espionaxe e unha posíbel pena de até 175 anos de cárcere.

"Afirmo isto con máis tristura que xenreira. Nunca tería crido que o meu Goberno faría o que fixo. Estamos a falar de crimes de tortura, secuestro, extradición ilegal, encarceramentos sen xuízo", declarou Clive Stafford-Smith, representante legal de Assange.

O avogado, con dobre nacionalidade estadounidense e británica, defendeu que estas "graves violacións da lei" saíran á luz grazas aos documentos publicados por WikiLeaks. Mais para o xornalista e escritor indio Vijay Prashad, a publicación do vídeo Collateral Murder ─agora facilmente accesíbel en YouTube─ foi o cruzamento do Rubicón: "A campaña para destruír a Assange comeza nese momento". Afírmao nun artigo publicado a semana pasada en Counter Punch.

Prashad desenvolve a idea de que "os EUA están decididos a facer pagar a Julian Assange por expor a crueldade da súa guerra no Iraq". Assange foi arrestado en abril de 2019 na embaixada do Ecuador. Alí estivo refuxiado desde 2012 tras negarse a entregarse ás autoridades británicas para ser extraditado a Suecia por unhas acusacións de delitos sexuais. A detención en abril respondía aínda a esas acusacións por parte da xustiza sueca: estas foron retiradas en novembro de 2019, mais Assange nunca foi liberado.

Vinganza

O verdadeiro motivo do Reino Unido para deter a Assange en 2012 e en 2019, tal e como levan denunciando anos organizacións de dereitos humanos, é a determinación do seu aliado o Goberno dos EUA ─con Barack Obama ou con Donald Trump na Casa Branca─ de facelo pagar por evidenciar os crimes de guerra cometidos polo Exército.

Clive Stafford-Smith, que representou legalmente numerosos prisioneiros en Guantánamo, incidiu neste punto durante a vista. Os documentos filtrados ─dixo─ permitíranlle gañar procesos xudiciais para "varias persoas inocente encarceradas" no centro de detención que Washington ten na illa de Cuba. E engadiu que as filtracións abríranlle os ollos ás "torturas, extradicións ilegais e asasinatos" cometidos polo Goberno estadounidense.

"A primeira vez que fun ver un cidadán británico en Guantánamo deume 30 páxinas sobre as torturas que sufrira", explicou.  "Todo ese material foi inmediatamente clasificado con base en que a revelación da tortura era unha ameaza á seguridade nacional".

Á vista, que se estenderá varias semanas, estaba previsto que tiveran acceso remoto por vídeo a través dun link unhas 40 organizacións da sociedade civil, mais segundo informou Morning Star a presidenta da sala, Venessa Baraitser, revocou o permiso por cuestións de seguridade. 

A directora de campañas de Reporteiros sen Fronteiras, Rebecca Vincent, sinalou: "Nunca encontramos trabas tan grandes para supervisar calquera outro caso en calquera outro país como as que temos cos procesos xudiciais no Reino Unido a respecto de Julian Assange".

20 anos da "guerra contra o terrorismo"

Polo menos 37 millóns de persoas foron desprazadas dos seus fogares como consecuencia da "guerra contra o terrorismo" que os EUA emprenderon tras os atentados do 11 de setembro de 2001, segundo un informe publicado esta semana pola Universidade Brown, unha das prestixiosas oito da chamada Ivy League.

O informe, o primeiro deste tipo e que chega a poucos días de se faceren dúas décadas do inicio desta guerra total, sinal que os países afectados son o Afganistán, o Iraq, o  Paquistán, o Iemen, Somalia, as Filipinas, Libia e Siria.

O número de desprazados é maior que en calquera outro conflito armado desde o século XIX, fóra da Segunda Guerra Mundial, e a investigación di que a cifra é "unha estimación moi conservadora" xa que non inclúe os damnificados por operacións militares menores en Burkina Faso, o Camerún, a República Centroafricana, o Chad,o Congo, Malí, Níxer, Arabia Saudí e Tunisia. 

Comentarios