Estado de urxencia tras un novo vertido no Ártico ruso

O pasado 29 de maio un accidente nunha central termoeléctrica de Nornickel, o maior produtor de níquel e paladio do mundo, provocou unha vertedura de arredor de 21.000 toneladas de diésel.
Vertido en un lago de la región de Krasnoyarsk, a orillas del Ártico ruso, en el norte del país

Vertido en un lago de la región de Krasnoyarsk, a orillas del Ártico ruso, en el norte del país


13/7/2020
photo_camera Vertido nun lago da rexión de Krasnoyarsk, ao norte de Rusia (Europa Press)

As autoridades rusas declararon o estado de urxencia na aldea siberiana de Tukhard, no territorio de Krasnoyarsk, polo vertido dunhas 44 toneladas de combustíbel de aviación nun lago, no segundo desastre ecolóxico no Círculo Polar Ártico nos últimos dous meses.

O accidente produciuse debido á despresurización dunha tubaxe que durou uns 15 minutos e que provocou a vertedura de 44,5 toneladas de combustíbel, explicou nun comunicado a empresa Norilsktransgaz, subsidiaria da compañía Nornickel, que xa causou un desastre ecolóxico no Círculo Polar Ártico a finais do mes de maio.

Servizos de urxencia trasladáronse ao lugar do novo vertido en Tukhard, e a empresa suspendeu todos os traballos de transferencia de combustíbel, segundo sinalou Norilsktransgaz, que está a levar a cabo unha investigación interna sobre o accidente, informando ao Ministerio de Urxencia de Rusia sobre o desastre.

"Estanse a tomar todas as medidas posíbeis para recoller de maneira expedita o combustíbel vertido", agregou a compañía.

De acordo coa información facilitadas polas autoridades, a vertedura en Tukhard nun lago duns 600 metros cadrados "está localizada e non se está a estender".Polo momento instaláronse tres barreiras flotantes nun regato que conecta este lago con outro.

Un equipo de 53 persoas traballa no lugar. En total son xa oito as barreiras instaladas na zona do vertido. Ademais, enviáronse 1.130 quilogramos de absorbentes ao lugar, e tamén se instalaron dous tanques de 50 metros cúbicos e dúas bombas para retirar o combustíbel derramado. 

O Comité de Investigación de Rusia abriu xa un caso penal por violación da protección do ambiente durante o traballo.

Segunda vertedura

O pasado 29 de maio un accidente nunha central termoeléctrica de Nornickel, o maior produtor de níquel e paladio do mundo, provocou unha vertedura de arredor de 21.000 toneladas de diésel, das que unhas 15.000 acabaron en ríos e lagos e foron avanzando até chegaren ao mar de Kara.

Daquela, Greenpeace dixo que se trataba do primeiro accidente de tal magnitude no Ártico e que era equiparábel ao derrame do Exxon Valdez hai tres décadas fronte ás costas de Alaska.

Comentarios